publicidade hoxe

O goberno de Ames reparte 50.000 euros entre 21 entidades e clubs deportivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno Local o reparto de 50.000 euros entre 21 entidades e clubs deportivos de Ames. Deste xeito, repartiuse o 100% da contía destinada a esta liña de axudas. Esta convocatoria de axudas estivo destinada a promover actividades desenvolvidas durante o pasado ano polas asociacións e clubs deportivos do Concello de Ames. Ademais, a esta contía hai que sumar a concesión dunha achega de 22.364,30 ao Bertamiráns FC, para o financiamento do proxecto “desenvolvemento de actividades deportivas 2015-2016”. 

No tocante ás subvencións de concorrencia competitiva logrouse por primeira vez adiantar os prazos de presentacións das bases de xeito que en maio de 2016 aprobáronse en Xunta de Goberno Local as contías do ano 2015 e en novembro dese mesmo ano xa foi aberto o proceso para a solicitude do 2016, de xeito que neste mes de xaneiro foron aprobadas as subvencións correspondentes ao ano pasado. O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “o obxectivo do goberno é poder sacar no primeiro trimestre de 2017 as bases correspondentes a este ano para que todos os clubs coñezan de antemán unha estimación dos ingresos que poden ter a finais do curso e así facer as súas previsións en base a dita estimación”.

As entidades que recibiron unha axuda municipal foron o Don Budi CF (742,39 euros), o CF Agrón (1.262,06 euros), o XL Milladoiro (816,63 euros), o CB Ames (816,63 euros), a Asociación Galega de Ciclistas (742,39 euros), o Club ciclista Ames (742,39 euros), AD Val da Mahía (1.187,82 euros), Club ciclista Os Esfola Arrós (1.893,10 euros), o motoclub Ameixenda (1.855,98 euros), Club deportivo Rutas a Pie (742,39 euros), CD Karate Ames (1.559,02 euros), Club Abuelo Box (1.559,02 euros), Sociedade de caza e pesca Azor (2.227,17 euros), Club Atletismo Sar (2.672,61 euros), Fútbol Club Meigas (2.746,84 euros), Club de patinaxe Sarela (4.120,27 euros), Club de patinaxe artística Omega (4.788,42), AD Basquet Ames (3.415 euros), Club de atletismo MillaRaio (5.939,12 euros), Club de piragüismo Ribeiras do Tambre (5.939,12 euros), Club deportivo Millarengo Cultura (4.231,63 euros).   

Os clubs con subvención superior a 5.000 euros teñen que levar na súa vestimenta (chándal e camiseta competición) o logo do Concello de Ames e, en caso de dispor de furgoneta, un adhesivo do citado logo. Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos e promover a participación activa dos veciños e veciñas no deporte, como medio de promover a formación dos máis novos e de propiciar a convivencia. 

Novo sistema de valoración

As novas bases desta axudas recolleron un novo sistema de valoración que foi tratado no Consello consultivo de deportes o pasado ano. O goberno municipal e as entidades deportivas chegaron a un acordo despois de varias reunións onde os clubs e entidades fixeron diferentes achegas. Por vez primeira os clubs e entidades deportivas participaron na elaboración destes criterios e coñeceron de antemán como ían a ser valoradas estas subvencións.

Dentro das modificacións feitas incluíuse un apartado de valoración pola solicitude de achegas doutros organismos ou a colaboración das entidades co Concello nas actividades desenvolvidas polo ente municipal. Cabe destacar que o ano pasado quitouse da valoración das subvencións o carácter de cofinanciamento que existía, o que axilizou a xustificación e pago das axudas. Outro dos aspectos novos foi a inclusión de parámetros de valoración da presenza feminina nas entidades deportivas que contou cunha valoración de ata 10 puntos. As participacións nas competicións, o número de equipos e categorías, e o número de beneficiarios foron os aspectos principais a valorar e que contaron cunha valoración de ata o 67% da subvención.

 

30 de xaneiro de 2017 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.