publicidade hoxe

O goberno de Ames aforra preto de 120.000 euros de intereses dos préstamos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, confirma os resultados previstos froito da negociación bancaria que iniciou o goberno de Ames coas entidades financeiras e da redución dos tipos de interese dos préstamos concertados, que deu como resultado unha redución dos intereses de 119.667,10 euros durante o ano 2016. Ademais, reduciuse a débeda bancaria en 675.641,39 euros cunha porcentaxe de minoración dun 16,43%.

O goberno municipal de Ames ao inicio do seu mandato no segundo semestre do ano 2015 iniciou unha rolda de contactos con todas as entidades bancarias domiciliadas no Concello con motivo da renegociación da débeda bancaria.

Despois de ditas negociacións as entidades que tiñan subscritos préstamos co Concello (Abanca e BBVA) formularon propostas de refinanciamento nas que se estableceu unha redución dos xuros, reducindo o diferencial dos préstamos. Isto xunto coa redución dos tipos de interese dos préstamos concertados e formalizados a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) supuxeron un aforro de 119.667,10 euros respecto dos interese pagados durante o ano 2014, que ascenderon a 164,013,66 euros. Durante o ano 2016 o importe abonado por este concepto foi de 44.346,56 euros.

Asemade, durante o pasado ano 2016 reduciuse a débeda bancaria en 675.641,39 euros, o que representa unha porcentaxe de diminución dun 16,43% respecto do ano anterior, acadando a cifra de débeda viva bancaria a finais do ano 2016 os 3.435.745,39 euros (a comezos dese ano estaba en 4.111.386,78 euros).

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “desta cantidade total amortizada, preto de 200.000 euros destináronse á amortización dos préstamos do Plan de Pago a Provedores subscrito no 2012 polo anterior goberno do Partido Popular, cun período de carencia de varios anos e que agora tócalle pagar ao goberno actual”. 

Genma Otero engade que “dende o goberno de Ames queremos amosar o cumprimento doutro dos nosos compromiso de goberno que era a negociación da débeda bancaria e a súa reestruturación para conseguir aforros. Estamos moi satisfeitos, xa que apostamos por unha xestión eficiente e eficaz dos recursos públicos, e os resultados acadados a través desta actuación así o amosan”.

25 de xaneiro de 2017 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.