O Goberno da Coruña reunirase con Fomento para avanzar no proxecto de humanización da Vedra
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, reunirase “nun prazo curto de tempo” con responsables do Ministerio de Fomento para seguir avanzando no proxecto para a humanización da avenida da Vedra, en consonancia co acordado polo Goberno local coa anterior ministra o pasado ano para a remodelación da vía. Esta mesma mañá, o responsable municipal mantivo unha xuntanza con representantes do ministerio e da Demarcación de Carreteras, un encontro que serviu, en palabras de Varela, para “concretar as cuestións irrenunciables que están reflectidas nos planos do proxecto de integración que xa foron acordados no seu momento” e para dar traslado da proposta municipal para materializar as melloras consensuadas nos bordes da avenida, cifradas en 2,5 millóns de euros, e que inclúen o acondicionamento paisaxístico, sendas peonís e ciclables e a conectividade transversal, “melloras todas elas tendentes á humanización, que foi desde o inicio a nosa filosofía e a nosa demanda”.
“O Goberno central ten a responsabilidade de definir o proxecto de trazado e expropiacións, que está redactando a través de Ineco, e nós nos comprometeramos a presentar o proxecto de detalle dos bordes, como xa fixemos, traballando na liña prevista e no que fora acordado con anterioridade. Nós desde o inicio deixamos claro de que maneira queriamos materializar as melloras que se consensuaron, e pola nosa parte non imos dificultar o calendario. Agora está nas súas mans, xa que eles teñen a responsabilidade de definir a súa parte do proxecto; nós levamos meses esperando por eles”, expuxo o concelleiro, quen urxiu hoxe que se retome a “interlocución técnica co equipo que está a realizar o proxecto construtivo”, co obxectivo de axilizar o proceso.
Tal e como indicou, unha vez que desde Fomento se defina o proxecto de trazado e expropiación, abrirase un período de exposición pública que dará paso ao proxecto construtivo”. “Está pois na súa man”, incidiu.
Entre as cuestións trasladadas no día de hoxe, Varela salientou as “melloras conseguidas”, froito das pasadas negociacións, en canto ao control de velocidade da vía, que se reduce, ao pasar dos actuais 80 quilómetros por hora a 70 km no tronco e 50 km nos carrís laterais”, o que para nós supón unha das principais melloras”. Do mesmo xeito, o edil de Rexeneración Urbana puxo en valor o investimento de 2,5 millóns para melloras na humanización da contorna da avenida, indicou que que cuestións como o deseño das saídas manteranse “tal e como aparecían no proxecto de integración”. “Este non é o momento de facer un estudo do trazado”, observou. No encontro, o responsable municipal incidiu tamén no consenso acadado coa anterior ministra para executar as obras da pasarela de Pedralonga de xeito independente do resto da obra da Vedra, e chamou a cumprir con este pacto. “A pasarela tense que facer de forma segregada e canto antes”, subliñou.
Ao remate da reunión, o concelleiro valorou tamén a intención, manifestada por ambas as dúas partes, de “respectar o acordo” e sinalou que as melloras de detalle que presenta o Concello “non modifican o que tiñamos pactado”. Neste sentido, indicou que no encontro deste xoves tamén se deu traslado “dun documento municipal de recomendacións sobre as cuestións nas que traballa o ministerio, pero que son todas elas compatibles co proxecto, tal e como estaba acordado”.











