O goberno coruñés lembra que asinou convenios para garantir o subministro de luz e gas ás persoas en situación de vulnerabilidade
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, ante a vaga de frío e a subida do prezo da enerxía que se veñen rexistrando estes días, vén de facer un chamado para que as administracións públicas “actúen con responsabilidade” e lembra que o “Concello pon os seus recursos a disposición da cidadanía para tratar de dar cobertura ás necesidades máis básicas”. Así, a edil recorda que o Goberno local, para atender aos colectivos en risco de exclusión e paliar os efectos da pobreza enerxética, ten asinados convenios coas compañías Iberdrola e Gas Natural co obxectivo de evitar cortes de servizo na subministración de enerxía eléctrica e de gas a veciñas e veciñas e veciños da Coruña en situación de vulnerabilidade. “A xustiza social e a loita contra a desigualdade rexen a acción deste Goberno, e as súas políticas están encamiñas cara este obxectivo. Por iso, cando este executivo se senta coas eléctricas, non o fai para buscar unha cadeira nos seus consellos de administración, senón para atopar solucións que eviten que a veciñanza quede sen un servizo básico e necesario”, afirma a responsable municipal.
Así, os convenios asinados no 2016, que se manteñen vixentes, establecen os mecanismos de coordinación entre o Concello e as subministradoras para evitar a suspensión dos servizos por impago de facturas a persoas en situación de vulnerabilidade. En ambos casos, os acordos van encamiñados á facilitar a tramitación de axudas municipais que permitan que non se realice o corte de luz ou de gas mediante o pagamento, por parte do consistorio coruñés, das débedas contraídas coa empresa subministradora. Unha vez que o Concello tramite as prestacións, comunicará ás compañías a solicitude da axuda para evitar a interrupción dos servizos -que deixarán en suspensión os cortes- e a posterior resolución deste procedemento. No caso que a solicitude -valorada polo persoal de Servizos Sociais municipais- sexa admitida, o Concello efectuará o aboamento das facturas correspondentes.
Ademais destas actuacións contra a pobreza enerxética, a edil lembra que o Goberno local puxo en marcha esta semana, a través do Servizo Municipal de Atención ás Urxencias Sociais (Semus), e en colaboración coa Cruz Vermella e coa ONG Accem, un Dispositivo de Frío dirixido a persoas sen teito, co obxectivo de facilitar a aqueles cidadáns e cidadás en situación de especial vulnerabilidade a posibilidade de acceder a un aloxamento, así como a reducir a exposición deste colectivo ás condicións meteorolóxicas adversas. O dispositivo manterase até o final do inverno.











