O Goberno compostelán requírelle información a Valoriza sobre a situación do persoal do SAF

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Goberno local envioulle un escrito á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), Valoriza, no que se lle solicita aclaración sobre a situación sociolaboral das auxiliares que prestan este servizo no Concello de Santiago. Este luns, a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, estivo hoxe con este persoal, co que mañá martes manterá unha xuntanza.

Ademais, o Goberno requírelle á empresa que garanta o cumprimento do convenio de auxiliares tal e como indicou a inspección de traballo e que se recolle no prego de contratación. Nese mesmo documento, remitido a finais do pasado mes de decembro, pídese tamén información puntual de calquera modificación na plantilla e nas condicións das persoas traballadoras para que o Concello de Santiago poida tomar as medidas oportunas respecto da prestación dun servizo que considera esencial.

O Goberno local non descarta abrir un procedemento sancionador ante a empresa Valoriza no caso de que non responda aos requirimentos emitidos por este Concello. Ademais, en previsión do remate do contrato o próximo 27 de abril, estanse a rematar os pregos de condicións para a nova licitación.

9 de xaneiro de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.