O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra acolle seis obradoiros de SmartPeme en xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, acollerá, durante todo o mes de xaneiro, seis obradoiros ao abeiro do programa SmartPeme da Deputación. SmartPeme ofértalles ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de persoas empresarias e de mozas e mozos autónomos.

As quendas para o mes de xaneiro, todas elas en horario de 19:00 horas, son as seguintes: o xoves 12 de xaneiro, “Como ser eficiente na organización do teu tempo: Evernote”. O mércores 18, “Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO” e, tamén esa semana, “Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial, viral e e-mail”, o venres 20. A seguinte quenda é o martes 24, con “Plataformas online para crear a túa web de comercio electrónico”, que dará paso a “Fotografía e vídeo para establecementos de turismo”, o xoves 26. Pechando as accións do mes, o luns 30, desenvolverase o obradoiro “Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio”. A oficina SmartPeme de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na avenida de Montero Ríos, s/n. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o novo proxecto SmartPeme, en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, o que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese, coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial das persoas asesoras en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, o impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

4 de xaneiro de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.