publicidade hoxe

O DOG publica o inicio do proceso expropiatorio para as obras da vía que conectará Portobravo coa VAP Santiago-Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens afectados polas obras de conexión do núcleo de Portobravo, no concello de Lousame, coa vía de altas prestacións que une Noia con Santiago. No seguinte enlace ao DOG pódese consultar información relativa á citada resolución: https://goo.gl/Hu511R.

Os veciños afectados poderán achegarse os días 25 e 26 de este mes, entre as 9.30 e 13.30 horas, ao edificio multiusos do antigo matadeiro, no Espírito Santo na localidade coruñesa de Noia. As actuacións, que se licitaron por un importe de máis de 1,2 millóns de euros, teñen un prazo de execución de 18 meses.

A conexión proxectada permitirá que, partindo do enlace de Sampaio entre a VAP Brión- Noia (CG-1.5) e a AC-543 (conexión posta en servizo polo Goberno autonómico en 2012), e discorrendo a través desta e da nova vía prevista, os usuarios se acheguen ao núcleo de Portobravo por un itinerario mais áxil e seguro, evitando o tráfico de características máis urbanas da travesía de Noia.

O Goberno galego, a través da A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, ten previsto executar en dúas fases as obras que se definen no proxecto de trazado, que se desenvolverán mediante dous proxectos de construción diferenciados; en primeiro lugar executarase a vía de novo trazado entre Portobravo (AC-308) e A Fialla (AC-311); e posteriormente acometerase o acondicionamento da vía existente desde este punto ata a AC-543.

Trazado

A vía deseñada, que en total contará cunha lonxitude próxima a 1,2 quilómetros, ten dúas partes diferenciadas: o tramo inicial, unha nova infraestrutura que conecta a AC308 coa AC-311, e o tramo final, que se apoia nunha estrada da Deputación da Coruña que será acondicionada ata acadar a AC-543.

O novo trazado iníciase na estrada AC-308, nas proximidades de Portobravo, cunha glorieta; defínese unha vía de aproximadamente 860 m de lonxitude que finaliza na AC311 na Fialla, na travesía de Noia, nunha segunda glorieta. Esta nova estrada permitirá reducir en algo mais dun quilómetro a lonxitude que percorren os usuarios, que ademais evitarán a intersección actualmente existente entre as estradas AC-311 e AC-308, moi encaixada entre edificacións e de reducida visibilidade.

A continuación, a infraestrutura apóiase na estrada CP-5702 que comunica as vías de titularidade autonómica AC-311 e AC-543, en que finaliza o eixe proxectado. A estrada local, de aproximadamente 280 m de lonxitude, será ampliada para aumentar a súa capacidade, que se resolve mediante unha nova glorieta a intersección coa AC-543, na cal se entroncará tamén a estrada.

2 de xaneiro de 2017 | 11:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.