O DOG publica a licitación das obras de execución da variante de Aradas, en Santiago, cun orzamento de 6,3 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras Variante de Aradas, en Santiago de Compostela, que contará cun orzamento de preto de 6,3 millóns de euros. Esta vía, de novo trazado e cunha lonxitude próxima a 1,6 quilómetros, funcionará como variante polo norte de Santiago, comunicando o polígono do Tambre coas estradas Santiago-Santa Comba (CP-0701) e Santiago-Trazo (CP-7804). Esta resolución pódese consultar no seguinte enlace: https://goo.gl/ITRHy6.

O trazado comeza cunha rotonda no cruce das estradas CP-0701 e CP-7804, continúa en dirección oeste–leste, salvando o río Sarela, e alcanza o polígono do Tambre á altura da intersección das vías Marconi e Nobel, onde se empraza unha segunda glorieta.

A nova estrada, que terá un prazo de execución de 24 meses, canalizará os tráficos procedentes de Portomouro, Santa Comba, Val do Dubra, Carballo e Trazo que se dirixan á zona industrial do Tambre ou á rede de estradas situada ao leste de Santiago, que actualmente teñen que circular polo núcleo urbano da capital galega. Polo tanto, a actuación mellorará o acceso e desconxestionará a rede situada ao nordeste da capital, diminuíndo os tempos de percorrido.

A nova infraestrutura desviará un importante volume de tráfico que circula actualmente polo barrio de Vite; e servirá de variante noroeste de Santiago ao permitir o acceso, a través do polígono do Tambre, á N-550.

O proxecto enmárcase no Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo e no programa de actuacións en medios urbanos do Plan Move da Xunta de Galicia, que formula as obras necesarias para resolver os problemas existentes no acceso ás grandes cidades e completar e mellorar a conectividade das redes viarias das áreas metropolitanas.

3 de xaneiro de 2017 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.