O departamento vilagarcián de Cultura lembra que xa pode solicitarse a adhesión ao Pontegal 17

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Cultura informa ás agrupacións musicais e artísticas do municipio que a Deputación Provincial acaba de abrir o prazo de inscrición no convenio cultural para o este ano baixo a denominación Pontegal 2017. Os colectivos, grupos ou artistas interesados en ser incluídos no programa a través do cal se concertan unha serie de actuacións en municipios da provincia, dispoñen de prazo ata o 1 de febreiro para tramitar a solicitude no organismo provincial.

Pontegal é o programa mediante o cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos e artistas inscritos neste programa. Poderán solicitar a inclusión no Pontegal as bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, bandas de gaitas, agrupacións de música tradicional, de música clásica ou de teatro, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas.

As bases do Pontegal 2016 saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra de hoxe, luns, 2 de xaneiro.. Nelas inclúese o formulario de solicitude, que debe presentarse debidamente cumprimentado coa documentación anexa pertinente en cada caso. O formulario tamén se pode imprimir dende a web http://www.depo.es e presentarase xunto coa documentación requirida nas sedes do organismo provincial en Pontevedra ou Vigo.

2 de xaneiro de 2017 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.