O Consorcio Provincial de Incendios comeza a súa actividade en febreiro
O Consorcio Provincial de Incendios comeza a súa actividade o vindeiro mes de febreiro trala sinatura do contrato da concesión á empresa Veicar, para o inicio efectivo do Consorcio a partir do día 1 de febreiro, despois da desestimación dun recurso interposto por unha das empresas participantes no concurso diante do Tribunal de Recursos Contractuais, o cal da mostra do bo facer dos técnicos do Consorcio Provincial de Incendios, explicou o seu presidente, Pablo Pérez.
Por outra lado, Pablo Pérez destacou que coa posta en marcha do Consorcio, iníciase o proceso para a apertura do Parque de Bombeiros do Carballiño-Ribeiro que será unha realidade no vindeiro mes de xuño. Previo a ela, a partir do día 11 de febreiro, comezará o proceso de selección do persoal para estas novas instalacións. O anuncio para todos aqueles interesados en participar neste proceso selectivo publicouse no Boletín Oficial da Provincia.
Como novidade, despois do proceso de selección, desenvolverase un curso de formación cunha duración de catro meses, a cargo da empresa Veicar, responsable da prestación dos servizos. Nese mesmo senso, realizarase unha formación complementaria e innovadora que incluirá a extinción de incendios en cascos históricos, como no Concello de Ribadavia. “Trátase de continuar a mellorar a calidade da prestación dos servizos do goberno provincial e da Xunta de Galicia á cidadanía”, sinalou o presidente do Consorcio Provincial de Incendios.
A prestación do servizo abrangue ademais de cuestións relativas a recursos humanos e formación, actuacións en incendios urbanos, excarceracións, salvamento, e todo tipo de emerxencias que poidan acontecer na provincia de Ourense. “Coa posta en marcha do Consorcio e coa proposta de realizar un mapa provincial de emerxencias -obxecto de debate do pleno da Deputación de Ourense do mes de xaneiro-, as emerxencias na provincia de Ourense dan un salto de calidade e sitúannos como pioneiros na prestación deste servizo en Galicia, sendo o Consorcio o motor e coordinador de todas estas accións incluíndo aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), aos grupos de bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova, e ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, co apoio complementarios dos grupos de Protección Civil dos diferentes concellos”.











