publicidade hoxe

O Concello de Vilaboa recibirá medio millón de euros do Plan Concellos da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilaboa
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano 2017 un 12 % máis de recursos ao Concello de Vilaboa no marco do Plan Concellos, un incremento que se debe ás novas bases do plan, que teñen por obxectivo beneficiar os concellos máis pequenos da provincia. Deste xeito, a vila recibirá un total de 495.823,09 € do Plan Concellos 2017, 51.870,27 euros máis, o que representa un 11,68 % máis de recursos que en 2016, ano no que xa tivo un 14,7 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 56.783,35 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Vilaboa recibirá durante 2017 outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Vilaboa un total de 827.385,99 € (unha media de 136,55 € por habitante), dos cales 443.952,82 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 16.000 € en mobilidade, 34.000 € en cohesión social e xuventude, 28.000 € en cultura e lingua, 30.000€ para o fomento do emprego, 31.000 € para o impulso do deporte, 16.000 € en medio ambiente e outros 2.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

Tamén a Deputación destinou a Vilaboa, a través do programa PICEI 2016, a contía de 150.000 € para a esperada e demandada remodelación do Club de Piragüismo de Paredes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 260.047,08 € para a conservación e mellora de vías municipais, diversas actuacións en edificios municipais, a ampliación e mellora da rede de saneamento municipal, a realización de dous muros de contención en Alcouce e Pousada e o reasfaltado dunha pista neste último lugar, a reparación da pista polideportiva de Riomaior, a ampliación da rede de saneamento, a reparación da escalinata de acceso ao cemiterio de Santo Adrán, e a adquisición dun vehículo lixeiro para obras e servizos. Ademais, 66.153,33 € destináronse ao pagamento de gastos correntes na liña 2; outros 16.648,23 €, na liña 3, destináronse a actividades coma o Magosto, o Entroido, a Mostra do Viño ou a Festa dos Reis; e, grazas á liña 4,creáronse 18 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 98.312 €.

Por outra banda, Vilaboa recibiu 27.566,05 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con arredor de 35 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como as axudas á sinalización do patrimonio histórico-cultural e á memoria histórica e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 34.140,80 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (do que se benefician seis persoas) ou ben mediante os programas “Depotermal”, “Tecendo lazos” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 25 nenas e nenos do concello.

Así mesmo, Vilaboa recibiu 30.620,50 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, diversas actividades deportivas e as dúas DEPOrte Escolas de piragüismo, así como 30.068,44 € para o fomento do emprego a través dos plans de práctica laboral, que permiten que dúas persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Vilaboa e unha máis, no tecido empresarial da vila. Tamén se achegaron 1.778,70€ para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa “Conectadas 2016”; 15.672,70 € en medio ambiente, para as axudas ás confrarías de pescadoras e pescadores; e outros 47.577,18 € en materia de mobilidade, en concreto para o Plan Móvese.

4 de xaneiro de 2017 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.