O Concello de Pontevedra promove os Premios Virxinia Pereira de banda deseñada a prol da igualdade
Os premios de banda deseñada (BD) a prol da Igualade que promove o Concello de Pontevedra levarán o nome de Virxinia Pereira, a responsábel de que o legado de Castelao, o seu home, chegase até nós. Visibilizar ás, até agora, escasas autoras de banda deseñada e impulsar a perspectiva de xénero neste ámbito son os obxectivos da convocatoria.
A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces e o debuxante Kaíño da Silva presentaron hoxe o carta dos premios, feito por Teresa Valerio, unha das primeiras autoras “completas” de banda deseñada (é debuxante e guionista) do Estado e exitosa profesional da animación.
Aproveitaron o momento para anunciar a ampliación do prazo de presentación dos premios -anunciados nun primeiro momento como premios Ernestina Otero de banda deseñada- até o 15 de febreiro. O fallo darase a coñecer o 8 de Marzo, Día da Muller. As/os interesado/as en participar nos premios Virxinia Pereira deberán presentar unha historieta de seis páxinas de BD, orixinarias, cun contido que fortaleza a reflexión crítica sobre o papel social das mulleres e homes e en galego.
Os traballos teñen que ser remitidos en formato dixital ou impresos no Rexistro do Concello de Pontevedra. Non se devolverán os traballos.
As historietas gañadoras serán a base dunha exposición de banda deseñada, que formará parte da programación dos actos do 8 de Marzo e conformará unha publicación destinada aos centos educativos.
Hai tres premios Virxinia Pereira:
1º premio, de 2.000 euros, un curso de verán no Garaxe Hermético e a publicación do traballo
2º premio, de 1.000 euros, un lote de banda deseñada e a publicación do traballo
3a premio, de 500 euros, un lote de banda deseñada e a publicación do traballo
A entrega dos premios incluirá tamén a homenaxe a unha autora de banda deseñada o ue terá un dobre obxectivo: por unha banda recpñecer o seu traballo e por outra abrir as portas a referentes femininos no mundo da BD.











