publicidade hoxe

O Concello de Mos traballa nunha colaboración laboral coas Escravas da Virxe Dolorosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Concello de Mos dende a concellería de Promoción Económica e Emprego que dirixe o edil Óscar Soto Abadín está a traballar nun proxecto de colaboración coas Escravas da Virxe Dolorosa en materia de emprego e formación, como así anunciaron esta mañá a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o propio Óscar Soto.

Este proxecto contemplará ademais un programa de voluntariado recíproco entre Escravas e administración local.

Algunhas das accións específicas a levar a cabo poderían ser labores de empaquetado, selado, ensobrado, etc. para a Axencia de Colocación mosense e/ou para determinadas empresas coas que se chegase a acordos a través da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS.

Outra vía de colaboración sería un proxecto piloto de lanzadeira de emprego, en convenio coa Dirección Xeral de Formación e Emprego ou directamente coa Fundación Santa María A Real.

Por outra banda, desde a Axencia de Colocación farase ao longo do ano 2017 algunha actividade dirixida a que as usuarias das Escravas da Virxe Dolorosa coñezan o funcionamento da Axencia de Colocación, e das redes sociais que se utilizan para a procura de emprego. Así coma accións formativas específicas para elas, dirixidas á mellora da súa emplegabilidade e das súas habilidades sociais. Inclúese dentro desta formación, a posibilidade de preparar ás alumnas para os exames de competencias clave; e formación máis específica con posibilidades de inserción.

Expúxose tamén a posibilidade dun proxecto de Obradoiro de Emprego Social en acordo co Centro das Escravas, que permitise realizar labores ás alumnas relacionados coa asistencia a persoas con discapacidade e a dinamización comunitaria ou sociocultural.

Actualmente, dentro das habilidades que normalmente desenvolven as usuarias do Centro das Escravas, está a elaboración de marmeladas caseiras, entre outros; por iso outra das posibilidades de colaboración sería que desenvolvesen en espazos municipais actividades relacionados coa agricultura ecolóxica, elaboración de produtos ecolóxicos ou labores de hostalería.

Proxecto de voluntariado recíproco

Trataríase dun proxecto de voluntariado no que, por unha banda, voluntarios/as do municipio ou municipios limítrofes, puideran dar apoio ás usuarias das Escravas en actividades de lecer, entre as que se atoparían acompañar a algunhas das usuarias a partidos do Celta de Vigo, xa que son fans deste equipo; e doutra banda, elas tamén teñen interese en participar en proxectos de voluntariado do Concello, como Mos Axuda.

A concellería de novas tecnoloxías é moi activa en canto a actividades relacionadas coas TIC, de feito, o Concello está adherido ao programa de Voluntariado Dixital, Rede CeMIT, e Rede Conecta (Fundación Esplai). A través destas entidades poderíanse programar determinadas actividades coas usuarias do Centro das Escravas da Virxe Dolorosa, como cursos de alfabetización informática, uso de redes sociais, seguridade na rede, ou a Hora do Código (actividades de programación e computación).

Por suposto, o Centro de Escravas Dolorosas, está adherido á Rede que se está creando de Asociacións do municipio. Pode visibilizarse esta Rede a través do Facebook común, que será a ferramenta común que terán as asociacións para coordinarse, cooperar e publicitar as súas actividades. O Concello, tivo a iniciativa para crear esta Rede a través do programa Faite Dixital de Amtega (Xunta), e será o apoio e dinamizador do Facebook, pero as asociacións son as absolutas protagonistas da Rede, e só coa súa actividade poden dar contido e dinamismo á Rede. O Centro das Escravas está adscrito á Rede, o que lle vai a facilitar que as súas iniciativas sexan visibles e que outras entidades poidan colaborar con elas.

5 de xaneiro de 2017 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.