publicidade hoxe

O Concello de Cangas presenta o seu manual de transparencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Lei 19/2013, de 9 de Decembro, “Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno” (LTBG), prevé que información deben publicar as Administracións Públicas para o coñecemento da cidadanía, como poden pedir os cidadáns a información ás Administracións e cales son as regras de Bo Goberno que deben respectar os responsables públicos.

Desde a Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo levouse a cabo a elaboración do Manual de Transparencia onde intentar explicar á cidadanía, dun xeito máis doado e accesible, o contido da “Ordenanza Reguladora da Transparencia, Acceso á Información Pública e Reutilización de Datos do Concello de Cangas”, aprobada con carácter definitivo o pasado 1 de agosto de 2016 en sesión ordinaria do Pleno do Concello.

Este manual aborda temas como os obxectivos e trámites máis importantes que se contemplan, os medios e pasos a seguir coas solicitudes, os tempos e prazos de resposta, etc., facilitando deste xeito o uso da mesma. Calquera persoa que precise realizar solicitudes de información disporá dun formulario específico que poderá atoparse na nosa web e tamén no Rexistro Municipal, onde terá que ser entregado.

Trátase dun traballo elaborado integramente polo departamento de comunicación deste Concello baixo a supervisión da Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, desde a súa redacción ata o propio deseño. A veciñanza poderá atopalo a súa disposición nas diferentes dependencias municipais a partir do vindeiro luns 16 de xaneiro. Ademais poderá consultarse e descargarse gratuitamente na web do Concello.

Toda esta información, ademais de na web www.cangas.gal, atopase no Portal de Transparencia do Concello, aloxado no espazo gratuíto Eido Local que proporciona a Xunta de Galicia, e que alberga diferentes apartados (institucional, organizativa, persoal, xurídica e patrimonial, contratación, orzamentaria, etc.).

13 de xaneiro de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.