publicidade hoxe

O Concello de Bueu pecha o prazo de recepción de traballos para os premios Johán Carballeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Concello de Bueu pechou este luns o prazo de recepción de orixinais para os Premios Johán Carballeira nas categorías de poesía e xornalismo. Deles contabilizáronse un total de 46 traballos para o de poesía (42 en dixital e 4 en papel), e 19 para o de xornalismo (18 en dixital e 1 en papel).

O premio chega este ano á vixésima edición na categoría de poesía e á décimo terceira na de xornalismo, e os gañadores ou gañadoras daranse a coñecer nun acto que terá lugar na semana das Letras Galegas.

O premio está dotado con 1500 euros, e supón a edición dun libro coa Editorial Xerais co poemario gañador.

Este certame naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, e tivo como gañadores na pasada edición a  Pura Tejelo na categoría de poesía pola obra A elegancia do século, e a Antón Lopo pola reportaxe “Terán que volver os bárbaros para liberarnos”, publicada orixinariamente no Sermos Galiza.

Ao longo da súa historia, téñense galardoado na categoría de xornalismo a Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias ou Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos… 

17 de xaneiro de 2017 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.