publicidade hoxe

O Concello de Bueu abre a licitación para a colocación de luminarias no casco urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Concello de Bueu vén de publicar no Perfil do Contratante a licitación para a subministración de luminarias no casco urbano e no parque industrial de Castiñeiras, con cargo ao Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, e cun importe de 59905,79 €, IVE incluído. Como o anuncio saíu tamén este mércores no Boletín Oficial da Provincia, as empresas que desexen participar no procedemento selectivo terán un prazo de quince días naturais.

Este proxecto insírese no Plan de Eficiencia Enerxética que o Concello de Bueu está levando a cabo en diferentes espazos do municipio. A idea é que con este subministro, se poidan instalar ata 201 luminarias de maior eficiencia enerxética que substituirían as actuais, que son de alta presión de sodio (HPS), o que implica un alto consumo.

Segundo o informe técnico, con esta actuación preténdense reducir as emisións contaminantes, aumentar a capacidade lumínica das luminarias, e diminuír o gasto enerxético, nunha proporción entre o 42 e o 70%  segundo as circunstancias.

Con esta medida, o Concello cumpre un dos principais problemas que tiñan no parque empresarial, onde a iluminación era escasa nalgunhas zonas. Así o expuxeron os representantes de AEPICAS (Asociación de Empresarios do Parque Industrial de Castiñeiras) nunha reunión mantida co alcalde da vila, Félix Juncal, o pasado ano, e tras a que o rexedor informou de que eses problemas se verían resoltos con este subministro de luminarias de baixo consumo. 

4 de xaneiro de 2017 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.