O Concello da Coruña saúda que a Xunta asuma os principais requirimentos no plan de penetración do transporte metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, valorou este xoves de forma positiva as reformas incluídas pola Xunta no Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano ao Centro Urbano da Coruña, cuxos pormenores serán presentados aos concellos mañá, ao incorporar na nova redacción “as principais alegacións formuladas desde o Concello da Coruña”, de acordo co traballo de negociación desenvolvido nos últimos meses polo persoal municipal co da administración autonómica. Delas, o responsable municipal salienta a supresión da segunda fase de penetración das liñas metropolitanas, que se incluía no primeiro plan e tería suposto a entrada no centro da Coruña de buses procedentes de fóra da coroa metropolitana, como Lugo, Vigo ou Lalín. A ollos do concelleiro, esta ampliación, que agora desaparece do proxecto, supuña “un erro grave a nivel técnico e incluso traspasaba as competencias desta administración”, tal e como se reflectiu no documento de alegacións ao plan presentado á Xunta que agora se teñen en conta. A este respecto, Díaz Grandío pon en valor todo o traballo conxunto realizado polos concellos da comarca, dentro da Mesa de Mobilidade impulsada polo Goberno coruñés dentro do campo de traballo para a constitución formal da Área Metropolitana da Coruña, que foi “unha ferramenta importante para traballar desde a coordinación e consensuar os principios a incluír neste plan”, indica. Tamén, o concelleiro alude ao “traballo negociador dos últimos meses”, desenvolvido entre técnicos municipais e da Xunta, coa interlocución co subdirector xeral de Planificación da Dirección Xeral de Mobilidade.

Do mesmo xeito, o responsable de Mobilidade Sostible saúda o feito de que o plan autonómico de transporte inclúa agora un estudo pormenorizado das catro paradas que acollerán o transporte metropolitano na cidade, “para garantir as condicións de accesibilidade e a calidade construtiva que precisan”, tal como se demandaba nas alegacións municipais. Nese sentido, o concelleiro pon en valor o acordo acadado polo Concello coa Xunta para repartirse as actuacións nas paradas, de xeito que cada unha das administracións procederá a realizar as obras en dous delas. Por parte do Concello, acometerá as melloras nas dúas paradas da zona da Palloza, que incorporará un novo apeadoiro en sentido cara á estación de autobuses, paralelo á parada da rúa Doutor Moragas, onde se ampliará a plataforma para facilitar a convivencia do transporte urbana e metropolitano. A este respecto, Díaz Grandío explicita a esixencia do Goberno coruñés para que a Xunta aborde as actuacións comprometidas nas paradas da praza de Ourense –onde está previsto crear unha plataforma continua que dea continuidade á beirarrúa diante da entrada ao porto, e contemplando tamén a mobilidade ciclista nese treito–, e de Entrexardíns, “onde resulta necesario ampliar a beirarrúa para facilitar a espera das persoas usuarias dos buses metropolitanos e permitir o paso das e dos peóns”.

O concelleiro chama agora á Xunta a implantar a entrada dos buses interurbanos na cidade de maneira coordinada entre as dúas administracións e progresiva, para axilizar o transporte e facerse de acordo coas actuacións previstas desde o Concello en materia de mobilidade”. Tamén, avanza que o Concello volverá reclamar, no período de alegacións que se abra ao plan, a inclusión da estación Intermodal “como un nodo principal de mobilidade da comarca a futuro próximo”, tal e como se solicitou desde un primeiro momento. “Non contemplalo suporía caer nunha falta de visión estratéxica, xa non a longo, senón a medio prazo”, advirte Díaz Grandío.

12 de xaneiro de 2017 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.