O Concello da Coruña resolveu nos últimos 18 meses 6.000 expedientes de solicitudes de obras
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, valorou este mércores as cifras que manexa o Goberno municipal desde a súa chegada ao goberno da Coruña, en xuño de 2015, de tramitación de expedientes administrativos relacionados con obras, a través da Xunta de Goberno local –competente na concesión das licenzas urbanísticas–, ou ben do departamento municipal delegado por esta. Foron, nestes 18 meses, un total de 6.000 expedientes os que se resolveron, dos cales 741 correspóndense con licenzas urbanísticas. Outros 3.072 refírense a obras suxeitas a réxime de comunicación previa que, como fai notar o responsable municipal, teñen que ver con traballos de menor entidade técnica e económica, tal e como o ocorre coa maior parte das obras para reformas de negocios como comercios e establecementos hostaleiros. A estes expedientes hai que engadir, ademais, as comunicacións previas que habilitan para a apertura de negocios e inicio de actividades na cidade, que ascenderon a 2.187 neste mesmo período.
“Os datos avalan que as nosas ratios de tramitación son totalmente normales e aceptables, e acordes cos de etapas previas, a pesares de que o departamento de Disciplina Urbanística réxese agora, tras a súa reorganización e reforzo, por criterios baseados no rigor, a obxectividade e a equidade, para evitar consecuencias xudiciais e responsabilidades patrimoniais millonarias derivadas de modelos de xestión urbanística anteriores, e dos que temos tristes exemplos na Coruña”, salienta o responsable municipal, quen alude ás 214 licenzas tramitadas no último cuadrimestre do pasado ano 2016 –cunha media de 1,75 ao día– como exemplo de que “a maquinaria funciona e a tendencia é a continuar nesa liña”. Neste sentido, o concelleiro confronta os datos dos últimos 18 meses cos dos 18 meses precedentes –xaneiro de 2014 a xuño de 2015–, nos que o Concello, entón gobernado polo PP, acadou unhas cifras mesmo inferiores, cun total de 5.026 expedientes administrativos tramitados.











