O Concello da Coruña reforzará e ampliará este ano os programas de educación e sensibilización ambiental
A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou este mércores as actividades municipais de educación e sensibilización ambiental para este ano, na véspera do Día Internacional da Educación Ambiental, unha programación que se organiza co obxectivo de expandir de forma progresiva as actividades a todos os sectores sociais, así como seguir incrementando e mellorando a oferta de actividades, continuación o camiño iniciado xa no 2015. “O Concello da Coruña ten un compromiso continuado coa educación ambiental, entendendo que é unha ferramenta que non é só de sensibilización da cidadanía e diálogo, para incitala na co-responsabilidade e no patrimonio común, senón que vai máis alá, xa que é tamén unha ferramenta de empoderamento, e un xeito de facer á cidadanía consciente das súas capacidades e das súas posibilidades de influír nas políticas, tanto locais como a niveis superiores, estatal e mesmo global”, indicou a responsable municipal. “Entendemos que a educación ambiental debe promover unha información práctica, actualizada e útil para a veciñanza, á hora de mellorar, coidar e reclamar o coidado dese patrimonio ambiental”, dixo García, que destacou o interese do Concello porque a veciñanza coñeza todo os equipamentos de carácter ambiental cos que conta o municipio, así como os poida visitar. “Para nós, estas actuacións entran dentro das políticas de transparencia. A xente debe e pode coñecer a Edar de Bens, o Centro de Protección animal, a planta de Nostián ou outras infraestruturas para poder opinar e facer as súas demandas e achegas. En temas ambientais, sobre todo, non se pode chegar a resultados positivos se non é coa implicación da cidadanía”, destacou.
En rolda de prensa, García destacou o aumento de actividades e programas educativos destinados tanto a escolares como á cidadanía en xeral. “Estamos chegando a novos públicos, durante o ano pasado realizamos actividades para estudantes que rozaron os 6.000 participantes, o que supón un 10,2% máis que no curso precedente, con actividades vinculadas ao cambio climático e outras liñas de acción prioritarias da nosa Concellería pero, ademais, realizamos moitas accións destinadas ao público en xeral, como as actividades nas praias, que superaron os 490 programas na época estival”, explicou, o que representa un incremento do 76% respecto ao ano precedente. Por outro lado, o programa de visitas guiadas e rutas de observación da natureza chegou no 2016 ás 80 visitas, fronte ás 25 do ano 2015. En canto ao programa de cursos, talleres e xornadas, foron 15 en 2015, e chegaron a 20 o ano seguinte. “Estas actividades, que xa aumentaron significativamente o pasado ano, van seguir mellorando e ampliándose este ano”, insistiu.
Tal e como sinalou a responsable municipal, os programas de actividades son un continuo na acción deste departamento, e están dirixidos a públicos como o escolar, pero tamén a colectivos organizados e colectivos específicos, a través de accións como as que se dirixen ao comercio e a hostalería, que teñen unha incidencia notoria na calidade de vida da veciñanza, en especial en determinados momentos do ano. Neste ámbito, a concelleira nomeou tamén os programas dirixidos á xuventude e vinculados á celebración sustentable do San Xoán, ou os programas de concienciación sobre separación do lixo, como a campaña #noseusitio.
Novidades en 2017
García destacou que o obxectivo do seu departamento para este ano é “adecuarse á demanda da cidadanía”. “O que nos interesa é que a poboación coñeza as instalacións que ten para que poida opinar sobre as mesmas e implicarse con elas”, comentou a concelleira, quen explicou que as visitas guiadas municipais “poden constituírse mediante a demanda de grupos informais mínimos de cinco persoas”. “Ao longo deste ano, continuaremos con estas visitas, que se dan a aqueles grupos de persoas que as solicitan. Os lugares que se poden visitar este ano van dende o encoro de Cecebre, como espazo de gran valor natural, o parque de San Pedro, Punta Herminia, Parque de Santa Margarita, Lagoa de Eirís, Parque de Bens, planta de potabilización da Telva, depuradora, a planta de tratamento de residuos de Nostián ou o Centro de Protección Animal”, indicou. “Outras das novidades é que queremos introducir certa periodicidade e regularidade nas visitas, para promover que nalgunhas delas se poida sumar xente de forma espontánea, por iso vanse facer excursións ao monte de San Pedro e a Punta Herminia, todos os venres alternando pares e impares, para coñecer dous dos espazos de maior biodiversidade da cidade”, engadiu.
En canto ás exposicións, este ano haberá unha que xirará arredor da temática da auga, e que desde marzo moverase por distintos emprazamentos (centros cívicos, bibliotecas, centros de ensino e asociacións), unha semana ano mes. Continuarán e se incrementarán os programas de visitas guiadas, roteiros e observación da natureza, programas de cursos, xornadas e talleres ou a celebración dunha ducia de ‘días D’ –como son o Día da Educación Ambiental que ten lugar mañá, 26 de xaneiro, o Día dos Humidais (2 de frebreiro), a Hora do Planeta (25 de marzo), o Día dos Bosques (21 de marzo), ou o Día da Auga (22 de marzo), entre outros, e que tamén se dirixen ao público escolar– ademais de exposicións e comunicacións.
Festas de barrio
Entre as novidades, García referiuse tamén á consolidación e ampliación do proxecto piloto iniciado o pasado ano nos barrios, para introducir actividades lúdicas de carácter ambiental nos programas de festas de barrio, que este ano se estenderá para incluír obradoiros creativos e de reciclaxe e talleres de bombas de sementes e de cociñas solares, e visitas de observación a natureza do propio barrio.
Tamén este ano introdúcese como novidade as charlas ambientais en centros cívicos, bibliotecas municipais e centros sociais e veciñais interesados, que servirán de iniciación a diversas temáticas relativas ao medio ambiente, nun marco participativo, co fin de brindar á veciñanza ferramentas para descubrir aspectos medioambientais da cidade.











