O Concello da Coruña recorda a obriga das empresas provedoras de cumprir coas cláusulas sociais e condicións impostas nos concursos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellería de Xustiza Social, dirixida por Silvia Cameán, porase en contacto ao longo do día de hoxe co cadro de persoal da empresa concesionaria do servizo de limpeza dos centros educativos públicos da cidade, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa opinión sobre o cumprimento por parte da mesma das cláusulas e condicións esixidas nos pregos de contratación municipais, en concreto o que atinxe á obrigada subrogación de traballadoras da anterior contrata. “Unha das esixencias que puxemos enriba da mesa no concurso público aberto para a contratación deste servizo pasaba pola subrogación dos e das empregadas do anterior cadro de persoal”, recorda Cameán. “No caso de que corroboremos que a firma non está a adecuarse á subrogación nos termos que marca a lexislación e o convenio do sector, recordarémoslle, de inmediato, a obriga que ten de cumprir cos requirimentos municipais e iniciaremos, se cabe, un proceso de imposición de penalidades”, explicou. Este pode derivar tanto en sanción, como desembocar, en último caso, na extinción do contrato en vigor.

“Para poder ofrecer un bo servizo á cidadanía é necesario que os e as traballadoras estean en condicións óptimas. Este Goberno foi pioneiro na introdución de cláusulas sociais no seus concursos públicos, e velamos polo seu cumprimento”, comentou Cameán, quen destacou que o actual Goberno local, e en concreto o seu departamento, xa iniciaron procesos de penalización con firmas provedoras que foron obxecto de queixas por parte de usuarios e traballadoras, como é o caso dunha das adxudicatarias do servizo de atención a domicilio. “Neste caso, como en todos, se corroboramos que se está a facer unha subrogación por debaixo dos mínimos marcados legalmente, valoraremos todas as posibilidades que nos outorgan os pregos, dende penalidades até a propia resolución do contrato”, indicou.

O procedemento público aberto polo Concello para a contratación do servizo de limpeza dos centros de educación infantil e primaria da cidade, así como centros de educación especial e de promoción de adultos, recollía varios criterios de adxudicación e de valoración de ofertas, entre os que se atopan, entre outros, tanto o prezo da mesma, como o cumprimento dunha serie de criterios ambientais e sociais, como o volume de retribucións, o fomento da contratación a tempo completo ou a estabilidade laboral. Entre os requisitos que figuraban estaba “o compromiso de que o persoal que vén desempeñando a prestación na actualidade, e teña dereito a subrogación, sexa contratado por un período non inferior ao prazo máximo de duración do contrato, incluídas as súas prórrogas”.

19 de xaneiro de 2017 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.