O Concello da Coruña reclama á Autoridade Portuaria “unha solución definitiva para que non se repitan situacións que obriguen a volver a pechar o túnel do Parrote”
O Concello da Coruña reclama á Autoridade Portuaria (AP), institución que se encargou das obras de construción do túnel do Parrote, que “garanta unha solución definitiva para que non se repitan situacións como a actual, que deriven no peche ao público desta infraestrutura”. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, informou esta mañá, unha vez producida unha reunión de carácter técnico entre representantes de ambas administracións, que o compromiso do Porto é levar a cabo unha serie de reparacións que posibilitarán que o viario poida estar en uso nos próximos días. “No día de onte realizamos unha primeira inspección, na que detectamos que a lousa de formigón do túnel tiña unha serie de fisuras. A través das mesmas, e debido á presión diferencial, a auga do mar presionaba a capa de asfalto e producía unha serie de abombamentos na calzada”, explicou, indicando que esta situación obrigou a cortar o túnel ao tráfico. “Hoxe, volvémonos citar coa Autoridade Portuaria para que nos dese unha solución a curto prazo que permita que o viario se abra en condicións óptimas de seguridade canto antes”, comentou. “Conviñemos que van a realizar unha serie de actuacións no pavimento para repoñer o estado habitual. Trátase dunha medida provisional que entendemos que estará lista nun par de días”, dixo. “Non obstante, queremos que a Autoridade Portuaria nos garanta que as actuacións que levará a cabo son definitivas, é dicir, que non nos imos volver atopar con máis abombamentos nas próximas semanas, xa que non podemos consentir que a cidadanía teña que estar aturando cortes de tráfico, cos problemas que deles se derivan”, incidiu. “Tristemente, a situación que estamos a vivir neste momento vén a darnos a razón nas críticas que fixemos ás présas electoralistas na execución desta obra. No seu momento xa indicamos que non se realizou co coidado e co rigor necesarios, de aí que foramos tan rigorosos coa súa apertura”, recordou. “Estamos ante vicios ocultos da obra. Estamos pagando as consecuencias dunha execución acelerada, movida por tempos electorais”, resumiu.
Avenida da Vedra
Por outro lado, en canto ao proceso de humanización e remodelación da Avenida da Vedra, o concelleiro avanzou esta mañá que o xoves o seu departamento manterá unha xuntanza co director de Carreteras, dependente do Ministerio de Fomento. “Reunirémonos con el e con representantes da delegación autonómica de estradas para, como se acordou no seu momento, facer un achegamento entre o seu proxecto técnico, que se encarga da definición da plataforma e o tratamento dos bordes do viario, e toda a cuestión paisaxística e de vexetación, competencia que reivindicou o Concello”, indicou. “O Concello elaborou un proxecto ao respecto, e agora debemos coordinarnos con Ineco, empresa dependente de Fomento, que é a encargada de facer o proxecto técnico executivo para a remodelación da vía, de cara a incorporar estas melloras de acondicionamento ambiental, que negociamos con Fomento por valor de 2,5 millóns de euros”.











