O Concello da Coruña promocionará o Camiño Inglés en Reino Unido e Irlanda en base “aos vínculos históricos con estes territorios”
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que tamén ostenta a presidencia do Consorcio de Turismo da Coruña, anunciou hoxe a intención do Concello de promocionar o Camiño Inglés en Reino Unido e República de Irlanda, que pode ser “un importante polo de atracción turística e, polo tanto, de xeración de riqueza”, como quedou referendado nas reunións que mantivo esta mañá, no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur), con responsables da Oficina Exterior de Turismo (OET) en Londres e Dublín.
O pasado decembro, o Cabildo de Santiago -a petición do propio Concello e de Turismo da Coruña, que aportou información ao respecto- aprobou que os e as peregriñas que fagan o traxecto do histórico Camiño Inglés entre A Coruña e Santiago poidan recibir a acreditación da Compostela , aínda sen que se cumpran, por motivos xeográficos, os habituais 100 quilómetros de percorrido necesarios para obter a citada distinción.
Lema, acompañado da xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, saudou que “o Camiño Inglés sexa entendido por todos e todas como un gran reclamo turístico, como dá exemplo o feito de que, a maiores da promoción que estamos decididos a levar a cabo dende o propio Concello, as propias oficinas de turismo exterior indicasen a súa vontade de facer o mesmo”. “Hai datos innegables, o primeiro que o turismo saxón está comezando a apostar dentro do Estado por novos reclamos, como os espazos verdes e o norte”, explicou Lema, que tamén quixo destacar o crecemento dos e das visitantes irlandesas. “O ano pasado viñeron ao Estado Español 1,8 millóns de visitantes desta illa, que ten fortes lazos históricos e simbólicos con Galicia, e coa Coruña, algo que é preciso aproveitar”. “A estratexia de promoción con Irlanda non só se centrará no Camiño Inglés, senón tamén nos vínculos sentimentais e culturais entre ambas zonas”, insistiu.
A maiores, con respecto da promoción do Camiño Inglés, está previsto que este exercicio os servizos turísticos municipais poñan en marcha un plan de acción co que se implementarán melloras tanto na sinalización como na información e material divulgativo relativo a este camiño.
Tamén se realizará unha primeira peregrinación, en colaboración coa Asociación Galega de Amigos do Camiño, e se volverá a promocionar o proxecto Navega o Camiño , para lograr a Compostela náutica a aqueles e aquelas que realicen unha travesía marítima en embarcacións de vela de, ao menos, 100 millas náuticas.











