O Concello da Coruña espera que o túnel do Parrote recupere a operatividade entre hoxe e mañá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro , reafirmou este martes a intención do Concello de poder reabrir “canto antes” o túnel do Parrote, unha vez solventados de forma provisional os desperfectos detectados no firme durante a pasada fin de semana por deficiencias na obra impulsada pola Autoridade Portuaria e executada pola construtora Copasa.

Esta mesma mañá, representantes do Concello mantiveron unha nova xuntanza de tipo técnico con estas dúas partes para verificar as actuacións realizadas, que dan solución aos problemas “inmediatos”, en espera de que a empresa que realizou a obra presente xunto co Porto –que aínda ten responsabilidade sobre a obra– unha solución definitiva para os mesmos. A previsión, tal e como se determinou neste encontro técnico, é que os traballos provisionais poidan estar rematados entre hoxe e mañá, para poder proceder á reapertura.

“Esta é unha desas veces nas que a un lle gustaría non ter razón. Hai un ano e medio diciamos que as présas neste tipo de obras non son boas conselleiras e que, ao final, non facer as cousas ben podía acabar con problemas no futuro, e aquí temos o resultado”, lamentou a este respecto o rexedor, que se remitiu ás “acusacións” vertidas contra o Goberno local en 2015 por non querer recepcionar a obra “sen ter garantías de que estaba en boas condicións”. “Se non houbo máis problemas ata hoxe, ao mellor foi porque fomos dilixentes á hora de comprobar en que estado se entregaba”, observou Ferreiro. “Eu agardo que problemas como este non se volvan repetir”, reiterou.

24 de xaneiro de 2017 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.