publicidade hoxe

O club de piragüismo Ribeiras do Tambre dispón de renovadas instalación na praia fluvial de Tapia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron xunto co presidente  do club Ribeiras do Tambre, José Ramón Mato, e varios membros da directiva desta entidade, as instalación do local ten este club na área recreativa de Tapia. O Concello decidiu acometer estas obras logo de comprobar o deterioro que o paso do tempo causou nas distintas dependencias deste club, algunhas das que xa non se podían empregar por este motivo. As obras foron executadas pola empresa Ceta contratas SL e tiveron un custo de 38.322,87 euros, que foron sufragados a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña. Ademais, o Concello achegou preto de 10.000 euros de fondos propios para completar outras melloras que eran necesarias neste local.

As instalacións do Club Ribeiras do Tambre están compostas por dúas naves, unha que funciona como almacén para as piraguas e as palas e outra na que se asentan o ximnasio, os aseos, o vestiario e as oficinas. Ámbalas dúas están unidas por unha terraza. As deficiencias na construción destas instalacións provocaron, co paso do tempo, a filtración da auga nos falsos teitos, desprendidos en varias partes das instalacións, e o consecuente deterioro do interior dos edificios. A madeira da terraza podreceu co paso do tempo, polo que esta xa non se podía empregar, e o portón e o pavimento exteriores tamén estaban moi deteriorados.

As obras realizadas pola empresa Ceta contratas, SL centráronse en arranxar todos os desperfectos e as deficiencias detectadas neste local. Estes traballos, que tiveron un custo de 38.322,87 euros, foron sufragados a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña. Asemade, o Concello achegou preto de 10.000 euros de fondos propios para completar outras melloras que eran necesarias neste local. Deste xeito, arranxáronse as portas exteriores, o falso teito do almacén de piraguas e unha xanela que filtraba auga dende o exterior.    

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destaca que “a reparación das instalacións desta entidade deportiva eran moi necesarias. Entre os cartos postos pola Deputación provincial da Coruña e unha partida de preto de 10.000 euros que puxemos dende o Concello, investíronse preto de 50.000 euros para solucionar todas as deficiencias que tiña este local. Para o goberno é unha satisfacción poder mellorar as instalacións deste club, que tantas alegrías lle está dando ao concello, acadando tantos éxitos e levando o nome de Ames por todo o mundo”. 

Nova zona deportiva na praza de Chavián

Por outra banda, hai que destacar que dende a Concellaría de Deportes acaban de instalar unha nova zona de recreo e deportiva para a práctica do baloncesto na praza de Chavián. Ademais, da pista polideportiva que existe nesta praza, a semana pasada instalouse un poste con dúas canastra que permiten dispor dunha nova zona nesta praza para a práctica deste deporte. Esta mellora súmase á instalación de novos equipamentos que se realizou recentemente nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro coa colocación de oito novas canastras de dúas alturas.

25 de xaneiro de 2017 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.