publicidade hoxe

O cinceclub de Bueu proxecta o filme “Contrafaces”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O mércores 4 de xaneiro, ás 20:30h no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu, o Cineclub Bueu proxectará o filme ‘Contrafaces’. A poetisa local Míriam Ferradáns será a encargada de presentar o acto, ao que asistirán o director da cinta, Fon Cortizo, e mais Elías Portela, tamén poeta e un dos protagonistas da mesma. Tras a proxección haberá unha sesión de preguntas e respostas, establecendo así un coloquio entre os cineastas e o público asistente.

Será un único pase en versión orixinal en galego e subtitulado ao castelán. A cota para os socios anuais é de 2 € e 4 € para os socios de sesión.

Logline

Unha poeta inicia unha viaxe interior ao descubrir que algúns dos seus poemas xa foran escritos en outros idiomas por un poeta islandés e unha poeta canadiana.

Sinopse

A canadense Erin Moure descubriu as súas orixes galegas hai 20 anos, o que rematou por cambiar a súa vida e a súa poesía.

En Islandia, Elías Knörr é un recoñecido poeta. Durante anos conseguiu manter oculta a súa identidade, agora explora novos camiños de creación.

Iolanda anda na procura da súa propia voz dende que descubriu que algúns dos seus poemas xa foran escritos noutros idiomas.

Ninguén parece saber quen é Elisa Sampedrín pero ela sigue escribindo e influíndo a creadores en diferentes partes do mundo

#identidade-autoría #ficción-realidade #tradución-creación #inspiración-orixinalidade #dualidade

Notas do director

Contrafaces diverxe das liñas e estándares propios do documental aínda cando trata de documentar realidades.

Realidades ás veces creadas, ás veces imaxinadas. Ficcións que se transforman en reais enchendo as páxinas dos libros.

Se o falso documental utiliza a retórica da non-ficción para contar historias ficticias, Contrafaces podería ser considerado un antidocumental ou contradocumental, documentando paisaxes interiores, ficcións feitas realidade, procesos creativos…

Unha mirada a como as linguas constrúen identidades tanto individuais como colectivas e como o proceso creativo se transforma nun proceso colaborativo no que as identidades dos autores rematan por diluírse.

Ficha

Galicia, 2015

74 min

Dirección: Fon Cortizo

Guión: Alex Cancelo, Fon Cortizo

Reparto: Elisa Sampedrín, Elías Knörr, Elías Portela, Iolanda Zúñiga, Erin Moure, Chus Pato, Fran Alonso

Operador Cámara: Javier Álvarez

Música: David Regueiro

Produtora: A*sombra Cinema

3 de xaneiro de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.