publicidade hoxe

O Campionato de Balonmán entre a selección galega e xaponesa dispútase en Bueu este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Pavillón Municipal Pablo Herbello de Bueu será o escenario no que se desenvolverá este sábado a partir das 20.30 horas o campionato entre a selección galega de balonmán e a xaponesa. A presentación deste evento tivo lugar este xoves no Concello de Bueu e nela estiveron presentes o alcalde da vila, Félix Juncal, o concelleiro de deportes, Manolo Otero, e Francisco Javier Álvarez, vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, ademais de xogadores convocados galegos e membros da directiva do Bueu Atlético Balonmán.

Félix Juncal destacou este evento xa que combina as dúas ideas que se defenden desde as políticas deportivas do goberno local: dunha parte a valoración do traballo que se leva a cabo desde a bases dos clubs deportivas, e doutra,  a aposta por estes eventos de máis grande escala. Así, o partido deste sábado que será con entrada de balde, é “un magnífico agasallo de Reis e un aperitivo para todos os eventos que imos ter en Bueu neste 2017”, destacou Juncal.  O alcalde tamén aproveitou a súa intervención para destacar as últimas melloras que se acometeron no pavillón, como é o caso da mellora das canalizacións interiores dos vestiarios, a instalación dunha caldeira de biomasa, e a colocación proximamente de asentos de plástico no graderío.

Pola súa parte, Francisco Javier Álvarez destacou que “Xapón é unha selección mundialista e que vén a Galicia porque confían na nosa boa preparación e traballo”. Neste sentido, agradeceu ao Concello de Bueu e ao Bueu Atlético Balonmán a colaboración neste evento e en todos os que se teñen feito para que os que comezan no deporte do balonmán se sintan animados.

 A selección xaponesa chegará a Bueu o sábado en torno ás cinco da tarde para disputar un dos partidos máis agardados entre a afección galega do balonmán.

Actividades deportivas

O campionato de balonmán é a actividade estrela, pero desde a concellaría de deportes de Bueu tamén teñen organizadas outros eventos deportivos, como é o caso do Torneo Aberto de Cachiza, que será no Pavillón de Beluso a partir das 16 horas do sábado. Para ela as persoas participantes poderán traer merenda e instrumentos musicais para animar a tarde.

E tamén o sábado ás 17 horas, a sala Domínguez Búa acolle o III Torneo de Nadal de Xadrez, organizada coa colaboración do Club de Xadrez de Bueu.  As inscricións poden facerse ata media hora antes, e a actividade estará aberta a todas as idades.

5 de xaneiro de 2017 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.