publicidade hoxe

Nova regata de traíñas en Bueu na memoria de Pepe “O Ruso”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuDeportesDeportes Portada
A-
A+

Tras o éxito da pasada edición, o Club do Mar de Bueu, coa estreita colaboración do Concello de Bueu, organiza este domingo o II Memorial Pepe o Ruso, unha regata a contrarreloxo na que participarán un total de 19 clubes e 26 embarcacións, o que supón todo un éxito de participación con respecto á edición anterior.

Esta proba xurdiu o ano pasado como unha homenaxe a unha figura da vila que traballou durante moitos anos e dunha maneira totalmente desinteresada polo deporte do remo, o señor José Novas Fazanes, máis coñecido como “Sr Pepe” ou “Pepe o Ruso”.  Así o explicaron na rolda de prensa celebrada hoxe no Concello de Bueu Rosa María Carballo, secretaria do Club do Mar de Bueu e Javier Pazos, vogal, que estiveron acompañados do alcalde da vila, Félix Juncal, e do concelleiro de deportes, Manolo Otero.

A saída da proba terá lugar ás 11.30 horas a cargo da primeira das traíñas,  a embarcación feminina de Tirán, e ás 12 sairá a última traíña, a embarcación senior de Tirán, que vén de acadar a sexta posición na clasificación final da liga ACT. Así, a orde de saída nesta regata establécese en función da clasificación dos clubes na LIGA GALEGA e na ACT.

Aínda que non se trata dunha proba de carácter competitivo, entregarase unha bandeira ao gañador da proba na categoría senior masculina, así como un trofeo á embarcación feminina que realice o percorrido no menor tempo.

Segundo explicaron desde o club, o deporte do remo é “moi sacrificado e esixente, e os adestramentos comezan no mes de outubro e as regatas oficiais en xuño, polo que é preciso organizar unha proba de pretempada que motiven aos remeiros/as”.

Clubes participantes

Neste regata de pretempada están confirmados os seguintes clubes: na categoría feminina, Tirán, Mecos, Cabo e Chapela; na categoría mixta, N. Riveira Mix, en veteráns, Rianxo Vet e Tirán Vet; e en senior, Cesantes, Muros, Virxen da Guía, Amegrove B, Mecos B, Coruxo B, Vila de Cangas, Mera, Rianxo, Tirán B, Vilaxoán, Amegrove A, Chapela, Mecos A, Bueu, Coruxo e Tirán A.

Segundo destacaron os responsables do Club, é todo un éxito de participación, xa que se superou a do ano pasado e a de moitas regatas anteriores.

Charla – coloquio sobre a historia do remo en Bueu

Este evento deportivo estará asociado a un acto cultural que se celebrará o sábado ás 19.00 horas no Museo Massó e que xirará ao redor da historia do remo na vila bueuesa, a través dunha retrospectiva que se remonte ás orixes do deporte na vila e os primeiros anos do Club do Mar, que se fundou no 1982 e que cumpre 35 anos de vida. Contarase con catro persoas de recoñecido prestixio na vila, como son Arturo S. Cidrás, profesor e un dos maiores coñecedores da historia de Bueu, Manuel Otero, concelleiro de deportes e que foi o primeiro presidente do Club, Xosé Antonio Agulla, membro da primeira directiva do Club, e Manuel Hermelo, quen foi adestrador e membro da directiva. A moderación do debate será a cargo de Félix Juncal, alcalde da vila e que foi tamén remeiro e presidente deste Club que traballa arreo pola promoción deste deporte. 

13 de xaneiro de 2017 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.