Nava Castro destaca a importancia do Plan de sinalización de recursos turísticos de Marín
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitaron o municipio pontevedrés esta mañá para comprobar o resultado do Plan de sinalización de recursos turísticos
O dito plan contou co financiamento do Goberno galego ao abeiro da liña de subvencións para a mellora da sinalización e da accesibilidade dos recursos turísticos no medio rural que neste 2016 estivo dotada con máis de 1,33 millóns de euros.
Deste xeito, o concello pontevedrés de Marín recibiu unha axuda de 22.250 euros ao ser un dos 82 concellos beneficiados por esta liña convocada anualmente por Turismo de Galicia.
Durante a visita, directora de Turismo de Galicia explicou que o turismo é un sector fundamental para o crecemento económico do medio rural e que favorece o reequilibrio territorial.
Neste senso, sinalou que as subvencións convocadas este ano destináronse a mellorar a sinalización e a accesibilidade en recursos turísticos como sendeiros homologados pola Federación Galega de Montañismo, rutas de Centros BTT, miradoiros, praias e Bens de Interese Cultural.
“Mediante estas subvencións queremos consolidar a oferta turística nas zonas rurais poñendo en valor a súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística” afirmou.
Máximo histórico do turismo rural
Por outra parte, Nava Castro destacou que estas axudas contribúen a impulsar o turismo rural de Galicia, que no pasado ano rexistrou un máximo histórico de viaxeiros aloxados nun ano non Xacobeo ao rexistrar 201.130 nos seus establecementos entre xaneiro e novembro.
A responsable de Turismo da Xunta detallou que esta cifra supón un incremento nos primeiros once meses de 2016 do 8,4%, en relación ao mesmo período de 2015.