Mutua Gallega entrega os produtos doados polos traballadores á Cociña Económica da Coruña
Mutua Gallega, dentro das súas accións de responsabilidade social corporativa, colaborou este ano coa Cociña Económica cunha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros e de produtos de hixiene persoal. Todas as doazóns efectuadas polos traballadores foron entregadas o pasado martes 3 de xaneiro á entidade benéfica, para que as reparta entre os seus usuarios.
De acordo coas necesidades especificadas por parte da Cociña Económica aos representantes de Mutua Gallega, a recadación consistiu en alimentos como zume, sal, café moído natural, azucre, embutidos envasados, pasta, caldo de pito, potitos e conservas; ademais de produtos de hixiene como cueiros, toallitas hixiénicas, maquinillas de afeitar, espuma de afeitar, xel, champú, colonia ou desodorizante en espray.
Desde Mutua Gallega queremos agradecer a todos os traballadores a súa colaboración con esta campaña, así como o seu compromiso e solidariedade cos máis desfavorecidos.











