publicidade hoxe

Mos reformará para uso social as antigas vivendas dos mestres en Dornelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, anunciaron hoxe que o arquitecto municipal está a redactar un proxecto de rehabilitación dunha das antigas vivendas dos mestres na parroquia de Dornelas para destinala a vivenda social. Con dito proxecto solicitarase unha subvención da consellería de Infraestruturas e Vivenda, que financiaría o 80% do importe total da obra.

Nidia Arévalo e Sara Cebreiro visitaron esta mañá a citada vivenda acompañadas de dúas traballadoras de Servizos Sociais.

Este proxecto de rehabilitación da vivenda inclúe toda a carpintería exterior (ventás) de aluminio e aislamento das fachadas, a acometer con cargo á devandita subvención; e asumiríanse con fondos propios municipais outros traballos coma o pintado interior da vivenda, reparación de grietas, así como labores varios de mantemento e conservación entre os que se atopan solucionar problemas localizados de humidades.

Contémplanse tamén dentro deste proxecto melloras puntuais na segunda vivenda dos mestres de Dornelas, que actuamente atópase habitada tamén como vivenda social.

Unha vez rematadas as obras, porase a casa deshabitada, propiedade do Concello na parroquia de Dornelas, a disposición para uso dunha familia usuaria do departamento municipal de Servizos Sociais. 

Así mesmo, as representantes municipais Arévalo e Cebreiro, informaron tamén de que irán a aprobación ao Pleno deste mes de xaneiro as bases para optar ao aluguer social de dúas vivendas propiedade municipal en San Eleuterio. Os requisitos que teñan que cumprir as familias beneficiarias destes dous pisos son estar empadroadas en Mos, non ter ningunha vivenda en propiedade, estar inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública e ter uns determinados ingresos na unidade familiar. O prezo do aluguer establécese en función da renda da familia beneficiaria. 

A subvención á que optará o Concello de Mos para a reforma da vivenda en Dornelas corresponde ás axudas, en réxime de concorrencia competitiva, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, dirixidas á mellora enerxética dos edificios de vivendas de titularidade dos concellos galegos e convocadas pola consellería de Infraestructura e Vivenda. 

O obxecto desta subvención son actuacións de mellora enerxética nos edificios de vivendas de titularidade municipal, co obxecto de subir, como mínimo, unha letra na escala de valores de cualificación enerxética en emisións de carbono, e ademais, reducir polo menos , o 20 % da demanda enerxética respecto a situación actual.

As actuacións subvencionables e que se realizarán na vivenda de Dornelas son traballos integrais de mellora do illamento térmico e/ou da carpintería da envolvente, que poderán ir acompañadas de melloras nas instalacións térmicas.

O orzamento subvencionable virá definido polo prezo das obras e a contía da axuda establece que será subvencionado un 80 % do orzamento.

Sobre ambos anuncios, tanto a reforma da vivenda en Dornelas como a aprobación en Pleno das bases para a selección de adxudicatarios do dereito de aluguer de dúas vivendas de titularidade municipal en San Eleuterio, a rexedora local e a edil de Política Social declararon que “é unha alegría poder dotar de vivenda a familias que están a atravesar dificultades, posto que é importantísimo o dereito á vivenda e o acceso á mesma”.

12 de xaneiro de 2017 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.