Ministerio de Industria e Deputación de Ourense presentan o “Programa de Axuda ao Emprego Xove”

Baltar e Bayón na presentación do programa de axudas
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director da Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Fernando Bayón, presentaron hoxe no espazo “A Molinera” o “Programa de Axuda ao Emprego Xove de Ourense”, unha iniciativa que ten como obxectivo a formación de xóvenes no sector tecnolóxico, un dos ámbitos máis demandados polas empresas ourensás.
O programa, que é unha das medidas incluídas no Plan de Mandato “Ourense 15-19” desenvolvido por Manuel Baltar, beneficiará a máis de 450 mozos desempregados de entre 16 e 30 anos, e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación de Ourense achega o 8 % e o resto é financiado polo Fondo Social Europeo dentro do Programa de Garantía Xuvenil e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través da EOI.
O obxectivo é ofrecerlles aos mozos coñecementos e habilidades para a súa inmersión profesional no mundo das novas tecnoloxías e capacitalos para configurar, operar e integrar aplicacións de e-business a través de plataformas de rede usando a tecnoloxía da web. En concreto, os mozos recibirán formación gratuíta en programación JAVA, unha das máis demandadas polas compañías tecnolóxicas, todo elo acompañado por axudas á contratación.
Esta iniciativa que hoxe comeza pon en marcha o primeiro curso dos seis que se van a desenvolver en Ourense, neste caso de especialización en programación en JAVA de 100 horas de duración, que se impartirá no espazo A Molinera, e ten como finalidade que os alumnos poidan mellorar coñecementos e habilidades tecnolóxicas usando ferramentas de Java e WebSphere.
Manuel Baltar agradeceu a Fernando Bayón “a alianza estratéxica que a EOI vén mantendo coa Deputación de Ourense, unha aposta pola vangarda na formación tecnolóxica dos nosos xóvenes, que terán ao remate do seu período formativo unha empregabilidade practicamente inmediata”. “Perseguimos –engadiu Baltar- que a mocidade da provincia de Ourense que opta polo sector tecnolóxico poida ter un emprego de calidade”, e citou o labor que a Deputación de Ourense vén realizando nesta liña co proxecto “Provincia Intelixente” e coas alianzas que o goberno provincial mantén con multinacionais como IBM ou Vodafone.
Pola súa banda, Fernando Bayón agradeceu a sensibilidade demostrada sempre pola Deputación de Ourense e por Manuel Baltar “ante as iniciativas que propoñemos”, “porque supón unha aposta polo emprego xove e polo coñecemento na provincia de Ourense, o que permitirá atender as demandas do sector tecnolóxico”.
Os alumnos que superen o curso terán a posibilidade de ser contratados por empresas ourensáns, xa que o programa formativo leva asociado axudas ás empresas para a contratación de mozos.
Do investimento total, 900.000 euros destinaranse ao programa de formación con compromiso de contratación, dos que o 60% dedícase a formación e o 40% a axudas a contratación (desenvolveranse 10 programas de temáticas demandadas polas empresas da provincia, iniciándose no centro La Molinera con programas de Marketing Digital e Programación Web). Finalmente, dedicaranse 300.000 euros ao estímulo do autoemprego como saída profesional, destinando tamén o 60% á formación e o 40% a axudas para a posta en marcha de empresas.
Os interesados en participar poderán solicitar máis información ou inscribirse na páxina web: www.eoi.es/formacion-para-el-empleo-joven.











