publicidade hoxe

Medio Rural incrementará nun 60% as axudas para proxectos non agrícolas no rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á empresa Plascies

Ángeles Vázquez na visita á empresa Plascies

A Consellería do Medio Rural incrementará en case o 60% as axudas para proxectos de investimento en actividades non agrícolas. Así, a próxima convocatoria destas achegas terá un orzamento de arredor de 5,5 millóns de euros, fronte aos 3,5 millóns destinados a esta finalidade o ano pasado.

Estas subvencións son xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e van destinadas a apoiar iniciativas empresariais no rural que non están relacionadas directamente coas actividades agrogandeiras ou forestais. Tendo en conta que estas axudas acadan o 45% do investimento realizado, a inxección de fondos inducidos no rural galego será polo menos duns 12 millóns de euros.

Como novidade, a vindeira convocatoria vaise dividir en dúas liñas de axuda. Por unha banda, haberá subvencións enfocadas á compra de maquinaria e bens de equipo e, por outra parte, apoiarase a creación de empresas non agrarias, incluíndo obra civil para mellora, ampliación ou modernización das xa existentes.

Estas melloras foron anunciadas hoxe pola conselleira Ángeles Vázquez na súa visita á empresa Plascies, que dispón dunha nave dedicada á transformación de material plástico na localidade pontevedresa de Mos. Esta industria beneficiouse dunha axuda de 133.907,85 euros, para un investimento de preto de 300.000, na última convocatoria destas subvencións. Os fondos fixeron posible a instalación de nova maquinaria, consolidando 21 postos de traballo e creando outros 3 novos empregos.

Creación e mantemento de emprego

En relación cos datos da última convocatoria, a conselleira destacou que o investimento realizado no agro galego propiciou a creación dun total de 117 empregos e o mantemento doutros 372. Os beneficiarios son pequenas empresas, persoas físicas que residen nunha zona rural e familias titulares dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas.

Entre os proxectos subvencionados figuran, por exemplo, iniciativas como a posta en marcha dun establecemento de turismo ecuestre na localidade luguesa da Fonsagrada, a modernización dun almacén para materiais de construción no Barco de Valdeorras (Ourense), o apoio a unha liña de fabricación de bolsos en Dodro (A Coruña) ou a apertura dun centro de día en Redondela (Pontevedra).

31 de xaneiro de 2017 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.