Medio Rural fixo obras en Ourense por 300.000 euros para mellorar camiños e poñer en valor o parque de Montealegre

Ángeles Vázquez na visita a algunhas das actuacións en Ourense
A Consellería do Medio Rural levou a cabo ao longo de 2016 diversas intervencións no concello de Ourense para mellorar camiños e para poñer en valor o parque de Montealegre que supuxeron un investimento total de preto de 300.000 euros. A titular do departamento, Ángeles Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e polo concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, visitou este mediodía o monte de Montealegre e as melloras realizadas no camiño da Burata.
As intervencións en Montealegre, que veñen de rematar a finais de 2016, enmárcanse nun convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Consellería do Medio Rural para a construción de sendas e outras actuacións forestais neste monte, pensadas para favorecer o seu uso e goce polos veciños. Consistiron, ademais de habilitar as sendas para os peóns, na creación de firme, plantacións, instalación de mobiliario (mesas e bancos, papeleiras, carteis informativos, etc.) e de sistema artificial de rega. O importe total destas obras foi de preto de 60.000 euros.
Este de Montealegre é un espazo de case 150.000 metros cadrados caracterizado pola súa riqueza natural e polas súas peculiaridades antropolóxicas e biolóxicas, que se ven reforzadas agora coa plantación de especies singulares. Esta actuación ten que ver coa política de posta en valor das zonas forestais periurbanas de diferentes cidades galegas –caso do monte Pedroso en Santiago–, co fin de mellorar o seu aproveitamento por parte da cidadanía e, ao tempo, potenciar os seus valores ambientais e paisaxísticos.
Camiño da Burata
A continuación, a conselleira, a delegada e o alcalde achegáronse ata a zona da Farixa Alta para supervisar as actuacións realizadas no camiño da Burata. Esta obra estaba dentro do Plan de Emerxencias 2016 da Consellería, cun orzamento de 59.800 euros. A vía inicial tiña o firme e o muro de contención en deficiente estado, polo que se procedeu a levantar un novo valado, coa mellora da drenaxe e firme de aglomerado en quente.
Esta iniciativa súmase ás realizadas, tamén en 2016, polo departamento que dirixe Ángeles Vázquez no termo municipal de Ourense no marco do devandito Plan de Emerxencias, que supuxeron un investimento conxunto de algo máis de 218.000 euros. Así, rehabilitouse o firme na rúa Amizade, adecuouse o firme na estrada de Fechos a Santa Cruz de Arrabaldo e tamén se actuou para mellorar un camiño en Vilariño.











