Medio cento de fogares coruñeses reducen a factura eléctrica grazas ao asesoramento da FAEPAC
Cincuenta e un fogares da provincia da Coruña reduciron a súa factura eléctrica grazas ao servizo de asesoramento personalizado e gratuíto que, dende o pasado mes de outubro, ofrece aos veciños dos 93 concellos coruñeses a Fundación Axencia Enerxética Provincial de A Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación.
A maior parte das consultas recibidas na FAEPAC, un total de 30, foron realizadas por veciños de As Pontes, onde se ubica a sede da FAEPAC e onde se desenvolveron charlas informativas sobre aforro enerxético no fogar e como reducir a factura eléctrica. Carballo, Cariño, Ortigueira, Cerceda, Santa Comba e As Somozas, son outros concellos que destacan polo número de consultas realizadas.
Erros, comprobacións e reclamacións na facturación, solicitudes de bono social, subidas ou baixadas da potencia contratada, paso de contrato en mercado libre a prezo voluntario ao pequeno consumidor (PVPC), lectura estimada dos contadores ou consulta dos servizos incluídos no contrato eléctrico son algúns dos motivos que máis consultas suscitan entre os cidadáns coruñeses, segundo explican dende a FAEPAC, que pon a disposición dos cidadáns un equipo de expertos que analizan as últimas facturas do fogar, explican os diversos conceptos que inclúe e asesoran sobre cómo reducir o consumo mediante a eleccións da potencia e a tarifa máis axeitada, a aplicación de pequenas medidas de mellora da eficiencia enerxética, ou a eliminación de servizos non desexados “ocultos” na factura do consumidor.
Ben de forma presencial, nas oficinas de FAEPAC nas Pontes, ou ben a través do correo electrónico consultas@faepac.org, os veciños dos 93 municipios coruñeses poden enviar as súas facturas e consultar cun técnico especializado calquera dúbida relativa á facturación eléctrica e ao uso eficiente da enerxía no seu fogar.
A posta en marcha deste novo servizo de asesoramento aos cidadáns enmárcase na estratexia do goberno provincial para impulsar a acción de FAEPAC e facela máis cercana e útil aos concellos e aos cidadáns da provincia.
Neste sentido, a Axencia Enerxética Provincial está a desenvolver tamén, en colaboración co Concello de Ortigueira un proxecto piloto que inclúe a realización dunha auditoría en dez domicilios da localidade en risco de pobreza enerxética e que inclúe unha enquisa para o coñecemento dos hábitos enerxéticos en cada fogar e o rexistro do seu consumo eléctrico durante unha semana, co obxecto de propor accións de microeficiencia que supoñan un aforro no consumo sen ter que realizar investimentos importantes. Este programa desenvolverase tamén próximamente no concello de As Pontes.
Tamén As Pontes e Betanzos acolleron nestes meses charlas informativas sobre cómo reducir a factura eléctrica dos fogares que se desenvolverán próximamente nos concellos de Cariño e Cedeira, entre outros.
A FAEPAC, creada en 2006, segue ademais prestando servizos de análise e control de facturación eléctrica aos concellos da provincia, permitíndolles importantes aforros na súa factura, que nalgúns casos superaron os 50.000 euros anuais.











