Medio Ambiente convida aos centros escolares a participar no concurso sobre a separación dos residuos urbanos de Oportunidades Galicia

Mª Cruz Ferreira na visita ao Centro Divina Pastora
A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Mª Cruz Ferreira, invitou aos estudantes de ESO e Bacharelato a participar no concurso sobre a separación dos residuos e a reciclaxe da campaña Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor.
Con motivo do Día Mundial da Educación Ambiental, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, xunto coa delegada territorial de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o centro Divina Pastora de Ourense, onde invitou aos alumnos e aos profesores a participar presentando un vídeo- proxecto sobre a separación de residuos e reciclaxe.
O prazo para presentar os traballos vén de abrirse esta mesma semana e remata o vindeiro 17 de abril. A directora xeral sinalou que “este tipo de iniciativas e achegas contribúen a facer un mundo mellor, máis verde, máis sustentable e máis ecolóxico”.
Tal e como afirmou Ferreira, esta campaña forma aos máis novos para que practiquen a estratexia das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e invitounos a consumir de xeito responsable e producindo o menor dos lixos, aproveitando os productos e alongando a súa vida útil e dándolle una nova vida a moitos deses produtos grazas á reciclaxe.
Tamén os invitou a ser respectuosos co medio ambiente e recordoulles o dano que producen obxectos tan cotiás como as botellas de plástico, que tardan 450 anos en descompoñerse; a lata, que se non se recicla, permanece entre 250 e 500 anos na natureza; ou as pilas, que tardan en degradarse entre 500 e 1.000 anos.
A representante da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio explicou que o Día Mundial da Educación Ambiental ten a súa orixe no Seminario Internacional de Educación Ambiental, celebrado en 1975, e aínda hoxe segue a estar vixente o obxectivo que se marcaron os 70 países participantes na chamada Carta de Belgrado: a educación ambiental.
Unha filosofía que é acorde cos obxectivos da campaña Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor e que durante o ano pasado celebrou case 500 xornadas, como a celebrada esta mañá no colexio Divina Pastora, nun total de 82 centros escolares galegos, conseguindo unha participación de máis de 10.000 persoas, entre alumnos e profesores.











