Manos Unidas inicia a LVIII campaña contra a fame co misioneiro José Rubio Aguerri como convidado na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A cidade acollerá, entre mañá, día 1 de febreiro e o 5 de febreiro, a visita de José Rubio Aguerri, convidado da campaña contra a fame de Manos Unidas na Coruña. Tras 38 anos traballando como misioneiro, Aguerri será quen divulgue a mensaxe da ONGD, así como o lema da súa LVIII campaña.

Aguerri, pai Comboniano, traballou como misioneiro no Congo, onde realizou labores polo desenvolvemento do lugar en escolas, dispensarios, pozos, asociacións agrícolas, asistencia de nenos orfos etc.

“O mundo non necesita máis comida, necesita máis xente comprometida” será o slogan da entidade benéfica. Esta mensaxe e os eixos fundamentais da campaña exporanse na cidade e na área metropolitana. Así, o programa iniciarase mañá (1 de febreiro) ás 9.00 horas, cando Aguerri visite o CEIP Emilia Pardo Bazán. Entre as 11.00 e as 14.00 horas está prevista a segunda visita, esta vez ao IES Agra I. 

O  xoves 2 de febreiro irá ao IES Salvador de Madariaga (10.30-14.00 horas), mentres que o venres 3 de febreiro acudirá ao IES de Monelos (9.20-10.30 horas) e, por segunda vez, ao IES Salvador de Madariaga (11.00-14.00 horas). O domingo 5 de febreiro o misioneiro percorrerá as parroquias de Betanzos (10.00-12.00 horas) e Bergondo (13.00 horas).

Así mesmo, Aguerri oficiará varias eucaristías. Mañá, ás 19.00 horas terá lugar a primeira na Parroquia de Santa Lucía. O xoves día 2 (19.30 horas) estará na Parroquia de San Nicolás. O venres 3 (19.00 horas) na parroquia de San José, e o sábado 4 ás 20.00 horas, na parroquia de Santiago, onde ademais da eucaristía, terá lugar unha charla do lanzamento da campaña. E é que, o obxectivo de todas estas visitas é, precisamente, explicar a importancia do labor da entidade benéfica. Así mesmo, tamén o sábado 4, a Parroquia de San Rosendo acollerá, a partir das 12.00 horas, unha charla e xantar compartido.

Segundo datos da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), prodúcese a suficiente comida como para alimentar ao dobre da poboación mundial. Con todo, segue habendo 800 millóns de persoas que non poden alimentarse. Ademais, segundo o Informe do Programa Mundial de Alimentos (2015), a fame representa o maior risco para a saúde do mundo. 

Atendendo a estes datos, a LVIII campaña de Manos Unidas fundaméntase en tres compromisos:

– Compromiso cunha colleita de alimentos para o consumo humano, non para a especulación
– Compromiso cunha colleita respectuosa co medio ambiente
– Compromiso co aproveitamento rigoroso dos alimentos para evitar o desperdicio

O próximo 11 de febreiro, a Parroquia de San José (Monte Alto) acollerá, ás 20.30 horas, unha cea solidaria a favor de Manos Unidas. Previamente, ás 19.30 voluntarios de Manos Unidas explicarán aos asistentes os obxectivos da campaña para este ano.  

31 de xaneiro de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.