publicidade hoxe

Máis dun cento de persoas participaron na foliada de Nadal de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Música, baile, merenda, diversión e compañía. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns encheuse na tarde do martes, 3 de xaneiro, de familias dispostas a pasalo ben na foliada de Nadal que o Servizo de Normalización Lingüística organizou en Ames ao abeiro do programa Apego. Tratábase de facer unha festa como as de antes e crear un contexto onde nenos, nenas, papás, mamás, avós e avoas puideran divertirse en galego con naturalidade. Ademais, contouse coa visita do Apalpador, que baixou do Courel para cantar e bailar cos nenos e nenas de Ames.

A resposta a esta nova foliada, logo da celebrada o pasado mes de novembro, volveu ser moi satisfactoria, e máis de cen persoas déronse cita no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, asistiu coma unha folieira máis. Esta iniciativa xurdiu como proposta dalgunhas das familias que forman xa parte da comunidade amesá do Apego e que consideran necesario contar con máis espazos de encontro e de socialización en galego para as crianzas. As persoas que acudiron a esta foliada de Nadal interpretaron diferentes pezas, bailaron, merendaron e se divertiron coa presenza do Apalpador.

O programa Apego naceu dunha proposta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e coordinase e mantense dende os servizos de normalización lingüística dos 23 concellos participantes. As familias que estean interesadas neste proxecto poden atopar ampla imformación tanto na súa páxina www.apego.gal como no perfil de Facebook: www.facebook.com/apego.gal. 

4 de xaneiro de 2017 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.