Máis de 60 expositores de comuñóns e vodas presentarán as súas novidades na Coruña
O próximo fin de semana, o 14 e 15 de xaneiro, celebrarase de novo en Palexco o Salón de Comuñóns e Vodas ExpoBE&C, que na súa segunda edición traerá a Coruña máis de 60 expositores do sector das celebracións, con promocións especiais e todos os servizos necesarios para organizar unha voda ou unha comuñón.
Todas as familias que estean a preparar unha destas celebracións para este 2017, atoparán en Palexco as últimas novidades de moda, estética, hostalaría, fotografía, vídeo, pastelaría ou música, entre outras moitas cousas, e poderán comparar ofertas e servizos para facer algo á súa medida, tanto en estilo como en prezo.
E é que, segundo un estudo da OCU, a celebración dunha primeira comuñón leva un gasto aproximado de 3.600 euros, aínda que a cifra pode ascender até os 6.000 en función do número de invitados e do tipo de festa.
O banquete, que é o principal desembolso, rolda os 1.500 euros para 25 comensais, aínda que depende do número de invitados, do local e do menú. Máis ou menos, o prezo por cuberto está nuns 60 euros/persoa. E se a festa se celebra na casa cun servizo de cátering, o prezo por persoa pode baixar a 30/40 euros por persoa.
Para o traxe ou vestido de comuñón hai que reservar entre 120 e 400 euros, en función do modelo e os complementos, para os nenos, e entre 200 e 900 para as nenas.
E para os recordatorios hai que contar con 1-2 euros por unidade, aínda que tamén depende do formato, papel, o deseño ou a personalización. Por último, a reportaxe fotográfica e de vídeo oscila entre os 200 e os 400 euros aproximadamente.
No caso das vodas, aínda que o custo depende de factores como o número de invitados, o lugar elixido para a celebración, o tipo de banquete ou a roupa, os últimos datos de sitúan o gasto medio para unha voda de 100 invitado en 16.534 euros a nivel estatal e só un pouco por baixo, 16.320 euros, en Galicia.
No II Salón de Comuñóns e Vodas ExpoBE&C, todos os que estean a preparar unha comuñón ou un enlace para este 2017 poderán comparar os prezos e servizos de distintas empresas e acceder a ofertas especiais que lles permitirán aforrar diñeiro e axustar o orzamento. Ademais, poderán saír de ExpoBE&C con toda a organización da súa celebración pechada, xa que accederán a unha importante representación de profesionais de todos os sectores que lle ofertarán todos os servizos que poidan necesitar.
Entradas
Como no Salón celebrado en outubro, para asistir ao Salón de Comuñóns e Vodas deExpoBE&C non se necesitará invitación. Toda persoa interesada poderá comprar a súa entrada (por 4 euros) en despacho de billetes calquera dos días de celebración do Salón, así como descargarse cupóns de desconto do 50% en www.expobec.com.
Coa entrada, ademais de visitar todas as casetas, poderán participar en sorteos de bonos de compra de 100, 200 e 500 euros para gastar en calquera das empresas expositoras.











