López-Chaves felicita os Reis aos cativos que estes días están na escola infantil da praza da Estrela
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá a escola infantil ´A Estrela´, ubicada no edificio administrativo da cidade olívica para felicitar os Reis aos nenos e nenas que estes días están no centro.
Acompañado polas coidadoras da escola, López-Chaves estivo cos cativos e percorreu as instalacións onde as súas traballadoras lle explicaron o funcionamento da mesma e as actividades que día tras día realizan cos nenos e nenas.
´A Estrela´ conta con 41 prazas que se destinan, preferentemente, aos fillos e fillas de funcionarios da administración galega neste edificio. Conta cunha superficie de 217 m2 e tres unidades para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Deste xeito, ten unha aula con 8 prazas para cativos de 0 a 1 anos; outra de 1 a 2 anos para 13 nenos e nenas e, por último, outra aula para 2-3 anos con capacidade para 20 pequenos.
A Xunta de Galicia ofrece en Vigo un total de 626 prazas en 8 centros de titularidade autonómica da Rede Galiña Azul e que están situados en O Calvario (41), Valadares (102), Praza da Estrela (41), Relfas-Sárdoma (74), Rosalía de Castro-Coia (107), Cabral-Caeiro (67), Bouzas (94) e Gota de Leche (100).
Mentres, no que respecta aos concellos da área territorial, o Goberno galego ofrece un total de 1.400 prazas nun total de 22 escolas infantís nos municipios de Vigo, Baiona, Gondomar, Nigrán, Soutomaior, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, O Porriño, Mos, Cangas, Moaña e Redondela.
Pero ademais das prazas públicas da rede autonómica, hai que sumar tamén as prazas ofrecidas nas escolas concertadas e nas de iniciativa social así como aquelas sostidas a través do Bono Concilia e as municipais.











