López-Chaves comproba os traballos realizados na reforma da cociña no CEIP Sárdoma-Moledo

López-Chaves na visita ao CEIP Sárdoma-Moledo
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá o CEIP Sárdoma-Moledo con motivo da obra de mellora da cociña que se ven de realizar no centro educativo. Xunto ao xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, persoal da unidade técnica, o director do colexio, Rafael Vázquez, e membros do equipo directivo, comprobou e supervisou de primeira man o resultado dos traballos feitos nos últimos meses.
A reforma da cociña do CEIP tivo un investimento de case 150.000 euros entre a obra e o equipamento e a actuación, coma explicou o delegado, foi dirixida a mellorar as prestacións da cociña para adaptarse a normativa vixente, reordenándoa e ampliando o seu espazo interior, de acordo coas necesidades do centro. Para isto, foi necesario demoler o almacén e parte da cociña, así como edificar un pequeno volume para ampliación, ademais de realizar un acondicionamento total do espazo.
O resultado final, coma comprobou hoxe López-Chaves, supón unha nova distribución do espazo xa existente e unha ampliación de 23,60m², todo incluído no mesmo volume, no que se situaron cociña, vestíbulo, almacén, despensas e aseo. A superficie útil total é agora duns 135 metros cadrados.
Actualmente o CEIP Sárdoma-Moledo conta cun comedor tipo B de xestión directa con capacidade para 150 comensais. Os alumnos son atendidos por 7 colaboradores, 2 docentes e 2 cociñeiras, en total 11 coidadores. Son case todos os alumnos e alumnas os que comen diariamente no colexio polo que, coma valorou o delegado, o que se espera con esta reforma “é mellorar aínda máis este servizo de comedor”.
Esta mellora na infraestrutura educativa forma parte das obras de mellora que a Xunta de Galicia leva a cabo nestes anos. Así, e coma lembrou o delegado, son máis de 6 millóns de euros os que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a investir nuns 25 centros educativos da cidade.











