publicidade hoxe

LoboCoxo despídese do público cunha actuación de Migallas no Aturuxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCalendario
A-
A+

O espazo infantil LoboCoxo de Bueu, que pecha este mes as súas portas na Banda do Río, organiza unha festa de despedida que se celebrará este domingo 29 de xaneiro ás 12:00 horas na Sala Aturuxo, coa actuación do grupo Migallas Teatro. Na actuación, aberta ao público familiar, María Campos e Carlos Yus interpretarán varias cancións do libro-disco “Canta connosco!”, publicado por KALANDRAKA.

Tras presentar “Canta connosco!” en Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ourense, Moaña e Vigo, Migallas chega a Bueu para compartir co público as cancións que conforman a edición especial 20º aniversario do que fora o seu primeiro traballo musical.

Migallas creouse en 1992 pero foi catro anos despois cando se converteu nunha compañía profesional. Nese mesmo ano, María Campos e Carlos Yus gravaron o disco “Canta connosco!”, que daquela foi un fito na música infantil en galego. Dúas décadas despois, KALANDRAKA vén de recuperalo e convertelo nun libro-disco con ilustracións de Óscar Villán, e videoclips de José Miguel Sagüillo.

Será unha ocasión entrañable para que os rapaces e as rapazas -hoxe adultos- que medraron cantando e bailando cancións como “O libro máxico”, “O esqueleto” ou “Dime que fixeches”, rememoren aquel tempo. E tamén para que os nenos e as nenas de agora sigan cantando e bailando ao son de ritmos tan actuais  como o rock, o reggae, a cumbia ou as melodías tradicionais, cos alicientes do libro ilustrado, dos videoclips, dos karaokes e das animacións, que fomentan a interactividade da obra.

A ecoloxía, os xogos tradicionais e colectivos fronte á televisión e ás novas tecnoloxías, a importancia do uso do galego, o pracer da lectura ou a riqueza da nosa cultura tradicional son algúns contidos que se tratan nas cancións, en cuxa interpretación colaboraron Paco Dicenta, Xosé Manuel Budiño ou Suso Vaamonde, entre outras figuras destacadas da música galega.

“Canta connosco!” súmase ao libro-disco “Pan de millo”, que homenaxea a memoria dos maiores. Canda eses traballos, o disco “Zaragallada” da Banda Migallas, para público mozo e adulto, e o libro “Un avó especial”, sobre a doenza do Alzheimer, conforman a vizosa traxectoria de Migallas, á que se engade un amplo repertorio de espectáculos teatrais, contacontos, cursos e talleres de expresión dramática.

Polo seu labor e compromiso de impulso ao galego, Migallas recibiu en 2016 o Premio Xoán Manuel Pintos, concedido polo Concello de Pontevedra e pola Rede Amiga da Lingua.

25 de xaneiro de 2017 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.