publicidade hoxe

Licitada unha senda na estrada entre Cabanas e a Pena que mellorará a mobilidade dos veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

A Xunta licita unha nova senda na estrada que vai ata o lugar da Pena, na AC-141, coa fin de mellorar a mobilidade dos veciños e incrementar a súa seguridade. A Xunta ten garantidos e consignados os fondos para a construción desta senda, á que se vai destinar medio millón de euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Para obter información máis detaiada pódese consultar o seguinte enlace.

Trátase dunha senda de 1,3 km de lonxitude fronte á Casa do Concello que se construirá pola marxe esquerda da estrada e será de uso compartido, peonil e ciclista. Executarase un itinerario independente e separado da calzada actual, que ofrecerá as condicións de seguridade e comodidade axeitadas para o seu uso e desfrute por parte de peóns e de ciclistas.

Esta actuación, que ten un prazo de execución de 6 meses, é moi demandada e mellorará a mobilidade dos veciños de Cabanas, xa que precisamente este treito da estrada rexistra unha circulación peonil constante motivada pola concentración de poboación e a existencia de numerosas vivendas na zona; e tamén é onde se atopan os principais equipamentos municipais, como é o caso da Casa do Concello ou a igrexa parroquial de San Andrés.

Este itinerario enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, que xa está en pleno desenvolvemento en 11 comarcas, e que trata de mellorar a mobilidade e incrementar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das nosas estradas –peóns e ciclistas-. Cómpre lembrar que o citado plan, para o caso concreto da comarca de Ferrol prevé, nunha primeira fase, a construción de 6 sendas, 9 km e un investimento de 2,7 millóns de euros.

2 de xaneiro de 2017 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.