publicidade hoxe

Lalín acolle a mostra da Deputación “De Pontevedra a Río 2016”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A casa do concello de Lalín acolle, desde hoxe mércores, “De Pontevedra a Río 2016”, a exposición fotográfica da Deputación de Pontevedra coa que a institución provincial quere renderlles homenaxe aos e ás deportistas da provincia que participaron na última edición tanto dos Xogos Olímpicos coma dos Xogos Paralímpicos. A mostra foi inaugurada pola deputada de Deportes, Chelo Besada, coa asistencia do alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, e varios membros da corporación municipal, e permanecerá na casa do concello ata finais de xaneiro.

Chelo Besada asegurou na inauguración que “para a Deputación de Pontevedra a exposición era unha obriga” recoñecer “o traballo de tantos anos deste conxunto de deportistas que acudiron a Río”. Segundo subliñou, “non queremos que, tras o paso dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, o nome destes homes e destas mulleres quede no esquecemento, senón que todas as pontevedresas e todos os pontevedreses os recorden”.

Tal como explicou a deputada provincial, “o recoñecemento do esforzo deste colectivo ten que ser moito máis que acadar medallas ou diplomas olímpicos, de xeito que temos que ser conscientes do traballo e dos valores que representan, do grande esforzo e a importancia que supón chegar simplemente a participar nestes Xogos”.

Esta mostra itinerante comezou a súa xira no Pazo provincial o pasado mes de outubro e continúa a percorrer diversas localidades da provincia. En Lalín permanecerá aberta desde hoxe mércores 18 de xaneiro ata finais de mes, e o horario de apertura na casa do concello de Lalín é de 8:00 a 15:00 h, de luns a venres.

A exposición recolle o palmarés dos e das 16 deportistas olímpicos, olímpicas e paralímpicos e paralímpicas da provincia de Pontevedra, en paneis individuais onde se poden ver as súas traxectorias. Os 16 de “Río 2016” son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabey Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

18 de xaneiro de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.