publicidade hoxe

Judith: ‘Iremos por todas, dende o quentamento ata o asubío final’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Judith Pedreira

Judith Pedreira

O Pescados Rubén Burela FS loitará mañá por gañar o billete para a final da XXVI Copa Galicia; será na casa do Ourense Envialia a partir das 20.30 horas (Os Remedios). A rivalidade directa en liga, entre a quinta praza das ourensás (28 puntos) e a cuarta das burelistas (33), porá aínda máis emoción, se cabe, para a cita irmandiña, co firme obxectivo das laranxas de bater o dono actual da Copa, despois de caer na edición pasada en semifinais. “Nós chegamos con moitas ganas de volver a disputar unha final; iremos por todas, dende xa o quentamento ata o asubío final”, proclamaba ao vento así a ilusión burelista Judith Pedreira.

“Sabemos que vai ser moi competido e moi complicado. O Ourense Envialia é o vixente campión, é un equipo moi forte, que loita por cada balón. A defensa vai ser clave para quedar co partido e para armar despois bos ataques” adiantaba a 15 laranxa, horas despois de regresar do seu periplo con Galicia Sub-21 no Campionato de Seleccións Autonómicas de Xetafe, onde tamén tivo tempo de intercambiar impresións sobre as semifinais de Copa Galicia: “Había xogadoras de equipos das dúas semifinais e falamos un pouco entre nós de que todas iamos intentar chegar á final e que xa nos veriamos as caras na gran cita”.

Judith pecha un capítulo máis da Irmandiña, despois dunha goleada fronte a Cantabria (7-4) e de sucumbir ante Madrid (1-2), resultado que afastou a Galicia da clasificación para a final. “Foi unha mágoa porque planteamos o partido dunha forma incrible; soubemos facerlle fronte a Madrid, comezamos gañando pero elas empataron con moita fortuna, nun rexeite que deu na nosa defensa. Quedámonos con todo o bo que fixemos tanto con Cantabria coma con Madrid e coas boas sensacións que deixou a Selección Galega”, reflexionaba así a burelista.

Poio-As Burgas. O outro billete para a final decidirase o mércores, no pavillón da Seca a partir das 20.15 horas, entre o Poio Pescamar FS e o Cidade das Burgas.

Comezo da segunda volta. As pupilas de Lucas e Julio Delgado volven á competición ligueira despois do descanso polo Campionato de Seleccións Autonómicas; arrancarán a segunda volta completando a semana irmandiña, de dobre visita aos Remedios. Mediranse ao Cidade das Burgas o sábado, 4 de febreiro, ás 20.00 horas, con emisión en directo de TVG2.

30 de xaneiro de 2017 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.