Judith defenderá a “irmandiña” en Xetafe
A xogadora do Pescados Rubén Burela FS Judith Pedreira defenderá a camisola irmandiña en Xetafe, no Campionato de Seleccións Autonómicas Sub-21 Femininas que se disputará entre o venres e o domingo (pavillón Rafael Vargas).
As galegas debutarán na cita ante Cantabria o venres (11.30 horas). Dependendo deste resultado mediranse a Madrid o sábado (11.30), se perden, ou o domingo (11.30), se gañan.
A burelista partirá mañá coa expedición que comanda Pilar Costa xunto a Antía Piñeiro, María Arias e Candela Soria, do Cidade das Burgas; Sara Crespo e Carolina Agulla, do Poio Pescamar FSF; Diana Vanessa Díaz, do Valdetires Ferrol; Marta López e Sandra Rodríguez, do Viaxes Amarelle; Lucía Leiros; do Leis Pontevedra; e Laura del Rosario e Zaida Varela, do Pirata Moaña FS.
Mini, con Galicia Sub19. O xuvenil Alejandro García, Mini, disputou a semana pasada a fase previa do Campionato de Seleccións Sub19 en Vitoria-Gasteiz. Os irmandiños conseguiron recuperarse do tropezo inaugural ante Navarra (4-7) con dúas goleadas, fronte a Baleares (2-7) e País Vasco (2-9), acadando a segunda praza de grupo, aínda que non puideron clasificarse para a fase final.
Miñano, con Cataluña. O meta de Primeira LNFS Joan Miñano tamén partirá mañá con rumbo á súa terra natal para medirse co combinado catalán á selección do Brasil en dous amigables, programados para o domingo 29 en Granollers e martes 31 en Sabadell.