Investiranse 200.000 euros para a creación dunha cuberta na praza Elíptica
A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, que dirixe Xiao Varela, presentará esta tarde ás veciñas e veciños da zona dos Rosales o proxecto básico deseñado para a creación dunha zona cuberta na praza Elíptica. A proposta contempla unha infraestrutura que abrangue unha superficie de 450 metros cadrados de cobertura na zona esquerda de entrada a través da rúa Manuel Azaña, e que está concibida para dar resposta ás demandas e necesidades das persoas usuarias do que é o principal punto de encontro e de lecer do barrio. O Goberno municipal prevé un investimento de 200.000 euros para esta actuación, que, como adianta o concelleiro, vai dirixida a crear na praza un espazo protexido da chuvia que dea cabida a actividades diversas ao aire libre, e que sirva, ao tempo, para facilitar o tránsito cotiá pola praza a través dun percorrido cuberto. “O proxecto busca ampliar as capacidades da praza en canto a actividades e favorecer a convivencia das persoas usuarias, dentro da filosofía de dotar a cidade de espazos libres, pero relativamente protexidos, para potenciar o uso integrador do espazo público”, indica o responsable municipal, que resalta que se trata tamén de dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza, que se remonta aos tempos nos que se celebraba nos soportais da rúa Alcalde Suárez Ferrín o mercadiño ecolóxico do barrio.
Deste xeito, a proposta pasa pola creación dun ámbito cuberto, que resgarde ás usuarias e usuarios das inclemencias meteorolóxicas, pero sen dar sensación de espazo pechado, de xeito que as actividades previstas para realizarse ao aire libre poidan manter esa condición. O proxecto, segundo apunta Varela, concíbese desde a premisa da súa versatilidade, que permita dar cobertura ás distintas actividades que habitualmente acolle a praza Elíptica, desde un área de reunión a outras de tipo lúdico ou festivo –como as festas de Entroido que se organizan neste enclave, ou a festa infantil de San Xoán–, comercial, deportivas ou a celebración de mercadiños. A este respecto, sinala que a futura infraestrutura servirá tamén para dar apoio á celebración das carreiras populares que se celebran no barrio.
O deseño da cuberta, fai notar o concelleiro, garda similitude coa tipoloxía das cubricións das bancadas deportivas, cun deseño que consiste nunha lousa de formigón, cun voo que varía entre os 2,50 e os 11,50 metros libres de obstáculos, e onde a altura libre oscila entre os 2,45 e os 4,50 metros. Esta superficie queda sostida por once piares do mesmo material, dispostos a intervalos regulares, cunha directriz suavemente curva, seguindo o borde do parterre que marca o límite entre a área vexetal e a asfaltada da praza Elíptica. A lonxitude total nesta directriz ascende aos 65 metros. A forma en planta, semellante á dun boomerang, está deseñada tendo en conta os ventos dominantes nos días de choiva, para que a inclinación desta produza a mínima perda da superficie eficazmente protexida. Como salienta o concelleiro, a forma da sección está concibida para non producir un efecto de peche ou barreira visual, dada a súa importante superficie. A forma de cunca da sección permite que a cuberta estea coroada con terra vexetal, de xeito que esta poida percibirse dende a parte asfaltada da Praza Elíptica, coma un pórtico á parte axardinada, mentres que dende o xardín ou dende as vivendas que rodean a praza, a cuberta quede completamente camuflada, sendo a súa imaxe case exclusivamente vexetal e sen supoñer un obstáculo visual desde as fiestras das casas e da parte máis axardinada.











