Impulso ao cooperativismo para favorecer a súa internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago o Conservatorio Histórico, un centro cooperativo autorizado de ensinanzas musicais de grao oficial. Toca destacou na visita, na que tamén estiveron 75 alumnos de 5º de Primaria do colexio Compañía de María, o papel que xogan as cooperativas no tecido empresarial galego, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas da comunidade e salientando a importancia de favorecer a súa internacionalización. Estes alumnos participan no programa ‘Unha viaxe a tempo’ que lles permite aprender a través da música, habilidades sociais, valores cooperativos, xeografía e historia.

A secretaria xeral de Emprego subliñou a importancia de colaborar coa Economía Social desde a Administración- un sector en auxe na Comunidade con máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas- para contar cada vez con cooperativas de maior tamaño, máis innovadoras e que busquen abrirse a novos mercados.

Neste eido, Toca recordou que o Goberno galego traballa na Estratexia para o Impulso do Cooperativismo Galego precisamente para que as cooperativas poidan gañar tamaño, innovar e abrirse a novos mercados. Esta planificación inclúe 87 medidas para potenciar a competitividade e internacionalización do sector cooperativo.

Recordou tamén que as compañías deste sector poden optar ao Fondo de Economía Social (FES), co que Xesgalicia achega financiamento ás compañías a través de préstamos desde 30.000 euros para realizar novos proxectos ou impulsar ao crecemento dos que xa están en marcha, especialmente no eido rural.

Toca sinalou que existen tamén outros apoios, a través da Axenda 20 para o Emprego, para a posta en funcionamento de proxectos entre entidades de economía social e de colaboración empresarial que aposten polo I+D+i, a comercialización ou a internacionalización; un programa de microcréditos para microempresas ao que poden acceder as cooperativas galegas; e a Rede Eusumo para que participen na identificación de proxectos que sexan viables e que consoliden emprego con base na economía social.

A través desta Rede, a Xunta pon a disposición das cooperativas os medios necesarios para apoiar o emprendemento entre os que destacan as instalacións para albergar o inicio de proxectos empresariais, ao tempo que se impulsa este modelo no ámbito local a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego cooperativo.

Entre as vantaxes de pertencer á Rede Eusumo resaltan, ademais, os beneficios propios dunha colaboración en rede, compartindo esforzos e resultados con outras entidades con intereses similares, e a utilización dos diferentes centros da Rede.

A Lei de Economía Social

Por último, a secretaria xeral lembrou que a Xunta aprobou o pasado ano a Lei de Economía Social de Galicia que ten entre os seus obxectivos dotar ao sector da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade.

Toca rematou a súa intervención animando ás empresas de Economía Social a seguir traballando para acadar “unha Galicia de progreso económico, sustentable e respectuosa co medio ambiente e de benestar social”. 

17 de xaneiro de 2017 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.