Grupo Cuevas e Xantar organizan o Concurso Gourmet “Mozos Centenarios”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Con motivo do seu 150 aniversario, o Grupo Cuevas abandera o 5º Concurso Gourmet “Mozos Centenarios” que Expourense organiza no marco de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 1 e o 5 de febreiro. Aberto tanto a cociñeiros profesionais como a afeccionados, o prazo de recepción de receitas conclúe o 24 de xaneiro e os finalistas elaborarán os seus pratos en directo na feira.

As bases de participación deste concurso viran ao redor das máximas que construíron a identidade de Grupo Cuevas ao longo da súa historia: a innovación e a experiencia, a modernidade e a tradición, o emprendemento, a alimentación sa e a solidez dun grupo netamente ourensán. O obxectivo do concurso é, por tanto, promover a cociña autóctona a través dos produtos gourmet e das materias primas galegas de calidade, transformándoas en pratos tradicionais ou innovadores e que, dalgunha forma, recollan as esixencias sobre as que construíu a súa identidade o Grupo Cuevas.

Poderán presentarse ao concurso todas as persoas maiores de 16 anos, afeccionados ou profesionais, cuxa participación pode ser a título individual ou representando a unha asociación, escola ou colectivo. Os concursantes deberán preparar unha receita que conteña un produto gourmet galego e produtos de Calidade de Galicia. Os participantes interesados poderán presentar a súa solicitude dirixíndose a Expourense, no teléfono: 988 36 60 30 ou a través do mail marketing@expourense.org, até as 13.00 horas do martes 24 Xaneiro. Na solicitude deberán facer constar nome, apelidos, domicilio, teléfono e mail do participante, ou dos que integren o equipo se é de forma colectiva, a categoría na que participan e a receita dos pratos que presenten ao concurso.

Os concursantes cuxas receitas resulten finalistas deberán realizar a preparación do seu prato diante dun xurado durante os días do salón. Para a valoración das receitas teranse en conta a dificultade, o número de ingredientes, a orixinalidade ou a presentación e o emprego das máximas e os obxectivos propostos polo Concurso “Novos Centenarios”. O xurado estará constituído por representantes do Comité Asesor de Xantar 2017, representantes de escolas de hostalaría e prensa especializada.

Os premios serán entregados durante a clausura de Xantar, o domingo 5 de febreiro. Consisten en vales de compra en establecementos do Grupo Cuevas e estancias en balnearios de Galicia.

Trátase da quinta edición do Concurso que até este momento chamábase “Xantar Gourmet”. O interese do Grupo Cuevas por colaborar nesta actividade, concluíu co cambio de nomenclatura desta proba que pasa a denominarse, nesta edición, “Mozos Centenarios”.

Durante a última edición deste concurso, o gañador na categoría de profesionais foi, por terceiro ano consecutivo, o cociñeiro de Melide, Manuel Garea, que presentou “Cana dourada, fusión de cocido” nos que empregou “Tenreira Galega”, “Lacón Galego”, aceite adscrito ao CRAEGA e Pataca de Galicia, entre outros ingredientes. Na categoría de profesionais, os gañadores foron Anabel Rodríguez e José Luís Barros co prato “Filloas recheas con mousse de castaña, salsa de chocolate e mel”.

13 de xaneiro de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.