publicidade hoxe

Gran éxito do roteiro polo río Bispo e Frade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

A concellaría de deportes de Bueu está levando a cabo diversas actividades deportivas coas que ofrecer un Nadal diferente aos máis pequenos e maiores, e así o pasado sábado, 31 de decembro, rematouse o ano cun roteiro polos río Bispo e Frade, no que participaron 18 persoas. Segundo destacou o concelleiro de deportes, Manolo Otero, o percorrido durou tres horas e media con paradas descritivas de diferentes elementos de interese natural e histórico nunha das mellores contornas da vila morracense.

As actividades deportivas continúan este mércores cunha xornada remoergómetro que comezará ás 10.30 horas no Pavillón Municipal Pablo Herbello e no que colabora o Club do Mar de Bueu. Neste campionato compiten categoría cadete e infantil, masculino e feminino. A categoría cadete percorrerá 800 metros e a infantil, 500, e compítese individualmente, pasando logo os mellores tempos á final.

Actividades culturais

Pola súa banda, este mércores ás 17 horas, Expresión Contacontos presenta “Canto conto” no Centro Social do Mar, con entrada de balde ata completar aforo.

E a partir das 20.30 horas, o Cineclub proxectará o filme “Contrafaces” que contará coa presenza da poeta bueuesa Míriam Ferradáns, e no que tamén estará o director da cinta, Fon Cortizo, e máis Elías Portela, tamén poeta e un dos protagonistas da mesma. Tras a proxección haberá unha serie de preguntas e respostas, establecendo un coloquio entre os cineastas e o público asistente.

Será un único pase en versión orixinal en galego e subtitulado ao castelán, sendo a cota para socios anuais de 2 euros e de 4 euros para os socios de sesión.

O filme narra como unha poeta inicia unha viaxe interior ao descubrir que algúns dos seus poemas xa foran escritos noutros idiomas por un poeta islandés e unha poeta canadiana.

3 de xaneiro de 2017 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.