publicidade hoxe

Goberno central e Xunta destinan máis de medio millón de euros á recuperación de zonas afectadas por incendios na comarca de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseVerín
A-
A+

A Xunta e o Goberno Central destinan arredor de 550.000 euros aos traballos de recuperación de zonas afectadas polos incendios forestais do pasado verán na comarca ourensá de Verín, máis concretamente nos concellos de Cualedro, Oímbra e Monterrei. Neste último municipio xa remataron a meirande parte dos labores, que hoxe foron supervisados sobre o terreo pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto.

As accións xa realizadas ou previstas teñen que ver coa restauración forestal e medioambiental destas áreas. Así, en Monterrei xa se levou a cabo o tratamento da vexetación, traballos de control da erosión e de mellora e reposición de infraestruturas danadas, actuacións que tamén deron comezo en Oímbra e Cualedro.

No primeiro caso, interveuse en máis de 71 hectáreas de terreo, a través da curta e picado de restos queimados non madeirables a man ou de xeito mecanizado. No que atinxe ao control da erosión, aplicouse mulching (acolchado de palla) sobre o solo nunhas 9 hectáreas e actuouse colocando tamén valados de pedra ou vexetais (con estacas e polas) en arredor de 300 metros lineais, especialmente en zonas de profundo desnivel. Por último, realizouse a mellora das pistas afectadas polo incendio, nun total de 6,2 quilómetros lineais, co refino, planeo e compactado do firme, limpeza de cunetas (en 4,5 quilómetros), a apertura de gabias novas e a colocación de tres pasos de auga que resultaban necesarios. O orzamento total destes labores ascende a 148.941 euros.

Oímbra e Cualedro

No caso de Oímbra e Cualedro, o Consello de Ministros aprobou o pasado día 30 de decembro de 2016 unha achega de 400.000 euros para financiar os traballos de recuperación, que xa se iniciaron nos montes de Xironda e A Pedrosa, no termo municipal de Cualedro. Nestas zonas xa se levaron a cabo tarefas de control da erosión, colocando 158 metros lineais de socalcos de pedra e estendendo palla de xeito manual nun total de 25,4 hectáreas.

A maiores, a Xunta traballa en coordinación cos alcaldes e os veciños afectados na procura de fórmulas que permitan poñer de novo en valor os terreos ardidos, para facelos produtivos e previr novos incendios. Trátase de buscar solucións de futuro a este problema recorrente dos lumes.

10 de xaneiro de 2017 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.